Novas recentes

Tese en galego? Por que non?

Estás a elaborar a túa tese de doutoramento? Se redactala en galego é unha das posibilidades que barallas (e, abofé, se o tes claro), lembra que tes moito a favor. A USC protexe a túa elección e apóiate con axudas.

Podo facer a miña tese en galego na USC? Por suposto! O Regulamento de estudos de doutoramento da USC, aprobado no Consello de Goberno do 24 de xullo de 2020, establece, no seu artigo 35, que a tese de doutoramento se redactará, como norma xeral, en galego ou castelán, aínda que tamén se pode facer noutras linguas, sempre que a comisión académica do programa de doutoramento (CAPD) xustifique a súa pertinencia e garanta que o tribunal proposto estea en condicións de xulgar a tese no idioma correspondente. Tamén indica que, de a facer noutra lingua, deberá incluír un resumo en lingua galega, o cal non exclúe resumos noutras linguas. Caso á parte é a modalidade de teses con mención de «doutoramento internacional», un de cuxos requisitos é que parte da tese se redacte e sexa presentada nunha lingua distinta a calquera das linguas oficiais ou cooficiais en España.

Ademais, explicita que título, resumo, introdución, obxectivos, hipóteses, metodoloxía, resultados e conclusións da tese deben estar redactados no idioma seleccionado, malia que pode incluír referencias, mencións, achegas ou apéndices realizados pola doutoranda ou doutorando e/ou por outros autores no idioma en que foron publicados. Igualmente, abre a posibilidade de que nas teses por compendio de publicacións, o corpo da tese poida estar redactado nun único idioma distinto aos das publicacións incluídas nela; é dicir: se as publicacións foron feitas en inglés, o corpo da tese pode estar escrito en galego ou castelán.

Por outra banda, a USC apoia ás doutorandas e doutorandos que opten por redactar a súa tese de doutoramento en galego, cun programa de axudas que abrangue tanto cunha subvención directa por un máximo de 400 euros para os gastos de fotocopiado e encadernación do traballo, como con servizos de consulta e asesoría lingüística e terminolóxica, así como de asesoramento á corrección da tese.

Para solicitar a axuda económica, cómpre consultar a convocatoria e descargar o formulario de solicitude da subvención na web do Servizo de Normalización Lingüística, e logo solicitala a través do Rexistro da Sede Electrónica da USC. O prazo remata o 31 de outubro de 2021; as persoas doutorandas que lean a súa tese con posterioridade terán que acollerse á seguinte convocatoria, a de 2022.

O servizo de consulta e asesoría lingüístico-terminolóxica fornécea do Servizo de Normalización, co cal podes poñerte en contacto para acordar a forma e as datas. Ademais, o SNL tamén che ofrece asesoramento para a defensa da tese. Complementariamente o SNL fornece:

•    Cursos de habilidades comunicativas
•    Criterios e recursos lingüísticos
•    bUSCatermos

O programa de axudas da USC ao uso do galego en teses de doutoramento naceu en 1994 e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Este incentivo axiña se converteu nun referente en moitas outras universidades, tanto galegas coma dos países cataláns. Dende aquela, máis de 200 doutorandos e doutorandas solicitaron estas axudas na USC, contribuíndo deste xeito a estender o galego na investigación e tamén na docencia, pois existe un alto grao de fidelidade ao galego entre as persoas que presentaron a súa tese en galego unha vez que desenvolven unha carreira académica.

Martes, 27 de abril de 2021