Novas recentes

XVII Premios á calidade lingüística

Cos Premios á calidade lingüística prémiase os mellores traballos académicos, os mellores traballos de fin de grao (TFG) e os mellores traballos de fin de mestrado (TFM) redactados en galego neste curso académico 2020-2021.

Concédense cinco premios á calidade, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades, o que fai un total de 15 premios:

  • Traballos académicos de curso: un premio de 150 euros por cada unha das grandes áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades), é dicir: cinco premios por un total de 750 euros
  • TFG: un premio de 300 euros por cada unha das grandes áreas de coñecemento, é dicir: cinco premios por un total de 1500 euros
  • TFM: un premio de 500 euros por cada unha das grandes áreas de coñecemento, é dicir: cinco premios por un total de 2500 euros

En todos os casos, gañadores e gañadoras reciben ademais un diploma para o seu curriculum.

A presentación axeitada dun traballo ou documento, dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega.

No web do Servizo de Normalización Lingüística, ademais das bases e de información específica, o alumnado poderá atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus traballos académicos, como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con máis de 160.000 entradas, así como modelos de TFG e TFM.

Os XVI Premios á calidade lingüística abranguen todas as titulacións da USC, e daquela, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O prazo para presentarse aos XVI Premios á calidade lingüística remata o 31 de xullo, no caso dos traballos académicos de curso, e o 30 de setembro no caso de TFG e TFM. Para optar aos premios só cómpre presentar unha copia do traballo, unha vez que estea aprobado, xunto cos datos que se solicitan, nos rexistros da USC. Toda a información (bases, información específica para pdi e para alumnado, documentos e recursos de apoio, así como a relación de traballos premiados en anos anteriores) pode consultarse na web do SNL.




 

Martes, 27 de abril de 2021