Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Cal é a túa área de interese? Literatura? Arte? Historia? Xeografía? Química sostible? Que soporte se che dá ben? A palabra? A fotografía? O vídeo? Do que non hai dúbidas é de que podes facelo en galego e levares premio. Velaquí varios concursos que che poden interesar, organizados polas comisións de normalización lingüística de cadanseu centro.
VII Concurso literario “Mazarelos”
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC convoca a sétima edición do Premio Literario Mazarelos, dirixido a fomentar a creatividade da mocidade universitaria e a desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír ao descubrimento de potenciais figuras da literatura en lingua galega.
Pode participar no concurso o alumnado de grao, mestrado e doutoramento da USC e o persoal investigador contratado da Universidade. Tales condicións deberán darse en calquera momento do ano 2021 anterior á finalización do prazo de presentación, o 30 de setembro de 2021. As obras poden responder á modalidade aberta (en xénero e temática) ou á modalidade científica (a ciencia como tema ou pano de fondo; o xénero, libre). Cada autora ou autor pode presentar unha única obra a cada unha das modalidades, sendo esta orixinal, escrita en lingua galega e inédita.
Un xurado decidirá e outorgará os premios do certame, dotados con 600 e 400 euros na modalidade aberta, e 500 euros na modalidade científica, alén do correspondente diploma honorífico. O Concurso Literario Mazarelos conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Foto-termos. I concurso de fotos en Twitter sobre termos de arte, historia e xeografía
FOTO-termos é un concurso aberto a todo o alumnado da USC, co obxectivo de divulgar a terminoloxía en galego das tres titulacións do centro: Arte, Historia e Xeografía. A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Xeografía e Historia, que organiza FOTO-termos, está a lanzar cada día lectivo, desde do martes 16 de outubro e ata mediados de xuño, o reto de achegar fotos para algún dos tres termos que propoña, un por cada titulación. Se xa resulta novidoso o concepto do concurso, máis rachante é a canle de participación, unha rede social, Twitter. Hai tres premios (200, 150 e 100 euros) en cada unha das modalidades, fotos propias e fotos tiradas de Internet, sempre acompañados de cadanseu diploma acreditativo. Consulta as bases!
En efecto, para participar cómpre responder aos chíos do perfil da Facultade nesta rede, <@fxhis_USC>, cos que diariamente publicarán tres termos en galego, achegando fotografías propias ou tiradas de Internet mais coa debida licenza Creative Commons que autorice á súa utilización libre de dereitos para ilustrar eses termos. As persoas participantes poderán achegar tantas imaxes como queiran a cada un deses chíos, se ben cada resposta debe conter unha única imaxe coa súa breve identificación. Igualmente poderán responder a tantos chíos como prefiran. Do mesmo xeito poderán achegar tanto imaxes da súa autoría como imaxes con licenza Creative Commons. E pódese incorporar no momento que se queira, mentres o concurso estea aberto, enviando un correo electrónico a <historia.acnl@usc.gal> identificándose co seu nome completo e dni e mais o seu nome de usuario/a en Twitter. Participar, canto máis, mellor!
Deste xeito, ademais de dar a coñecer terminoloxía en galego, estimúlase a creatividade do alumnado. E, ao final, co conxunto de termos e imaxes poderase crear un banco de imaxes axustadas á terminoloxía en galego que se emprega nos estudos impartidos na Facultade, razón pola cal as imaxes que se acheguen deben ter unha boa calidade; onda non, serán desbotadas e non formarán parte do concurso.
Concurso de vídeos divulgativos en galego sobre a química sostible
Un dos máis graves problemas actuais para a humanidade é o cambio climático. A universidade preséntase como un lugar idóneo para loitar contra o cambio climático e, cando menos, minimizar as súas consecuencias máis graves, grazas non só ás mudanzas nas nosas condutas senón tamén con ideas innovadoras. O reto para a química sostible é evitar en orixe calquera tipo de contaminación e risco.
Con este pano de fondo, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química organiza, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, o concurso de vídeos divulgativos sobre química sostible, para, especificamente, divulgar na nosa lingua as achegas da química sostible na resolución de problemas nos ámbitos da saúde, o ambiente e a industria
O concurso está aberto a toda a USC. Para participar cómpre presentar, a través dunha canle de Youtube, un vídeo inédito, dun máximo de 3 minutos, cun enfoque libre, en lingua galega, sobre unha achega concreta da química sostible na resolución de problemas nos ámbitos da saúde, o ambiente e a industria. Dispoñen ata o día 15 de maio de 2021. Aínda que o enfoque no tratamento do tema é libre, valoraranse especialmente aquelas pezas que presenten posibles solucións para contribuír a combater o cambio climático.
Valorarase a corrección nos contidos científicos, a calidade lingüística, a eficacia comunicativa e a calidade técnica (imaxe e son). Os tres premios, por valor de 400, 300 e 200 euros, entregaranse o 25 de maio de 2021 nun acto público na Facultade de Química. Consulta as bases!
Martes, 27 de abril de 2021