Novas recentes

As linguas da docencia da USC

O uso das linguas na docencia global de todas as titulacións da USC deste curso 2020-2021 pode describirse, redondeando, con tres cifras: 74-22-4, tal e como se amosa na gráfica seguinte.

Algo máis dunha de cada cinco horas de clases deste curso que andamos na USC é impartida en galego, unha ratio que se vai mantendo, máis ou menos, desde que se recollen datos de usos lingüísticos na USC, no curso 2003-2004, o cal non é desprezable cando os estudos sociolingüísticos de Galicia reflicten unha curva descendente na utilización do noso idioma.

Curiosamente, utilízase máis o galego nos mestrados (32,67%) ca nos graos (21,12%). Non é esta a única diferenza salientable: o uso das linguas tamén é moi distinto segundo as titulacións.

Os graos

En efecto, entre o 0% de uso do galego do Grao adscrito de Relacións Laborais (Lugo) e o 100% do Dobre grao de Mestre/a de Educación Infantil e Primaria (Santiago), sitúanse outras 56 titulacións. Porén, só trece graos presentan un uso do galego igual ou superior ao 50%, mentres que son 43 os graos en que se usa o castelán como mínimo no 50% das horas docentes. Podes consultar aquí que linguas se usan na docencia das diversas titulacións de grao neste curso.

O Grao en Medicina é o de maior número de horas docentes, 103.260, o que supón algo máis da cuarta parte da docencia de todos os graos da USC. É evidente, xa que logo, que os usos lingüísticos desta titulación (úsase o castelán no 97,64% das horas docentes, e o galego no 2,36%) teñen moitísimo peso no conxunto da nosa Universidade; de feito, se descontásemos a docencia deste grao, o uso do galego no conxunto dos graos subiría ata o 27,6%, 6 puntos porcentuais, como se pode comprobar nestas gráficas.

 

En dezaseis dos 56 graos da USC utilízase o inglés. Ao grao en Lingua e Literatura Inglesa (100% en inglés),  séguenlle o de Lingua e Literatura Española (14,46%), Enxeñaría Química e Química (13% e 10,24%), once titulacións de Ciencias Sociais e Humanidades, así como Enxeñaría Informática (1,30%), Veterinaria (1,15%) e Odontoloxía (0,68%). Só un grao, o de Química, lle ofrece ao alumnado a  posibilidade de cursalo por completo nun idioma, o inglés, seguindo un itinerario lingüístico.

Os restantes idioma estranxeiros (alemán, catalán, francés, italiano e portugués) líganse a titulacións de linguas ou de formación do profesorado.
Evidentemente, estas cifras non se corresponden necesariamente coa realidade que vive o alumnado: trátase de medias de uso das titulacións, polo cal a existencia de varios grupos de docencia e de materias optativas redefine as linguas en que o alumnado recibe as clases.

Os mestrados

Pola súa banda, o 62,94% das 38.694 horas docentes dos 71 mestrados que se están a impartir na USC, son en castelán; o 32,67% en galego e o 4,39% nos demais idiomas (3,92% en inglés).

Aínda que poidan parecer unhas proporcións máis equilibradas, o certo é que cincuenta e seis titulacións usan o galego en menos da metade das súas horas docentes e doce delas non utilizan o galego en absoluto. En quince mestrados o galego supera o 50% do tempo de docencia. Hai trece mestrados que utilizan o inglés, na maioría dos casos como materia de idioma. Destacan tres que o usan no 100% da súa docencia: Estudos Ingleses Avanzados, Química na Fronteira coa Bioloxía e as Ciencias da Materia e Visión por Computador. Alemán e francés son as outras linguas estranxeiras que tamén se utilizan, sempre ligadas a titulacións de mestrados lingüístico-literarios e de formación do profesorado. Pódese ver polo miúdo o uso dos idiomas nas titulacions de mestrado aquí.

Linguas, departamentos e PDI

En todos os departamentos se usa o galego, aínda que sexa nun pírrico 0,02% de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas; pola contra, Ciencias da Comunicación é o departamento que máis o usa (99,87%). En todos os departamentos se usa o castelán, agás en Filoloxía Inglesa e Alemá, e son trece os que superan o 90% de docencia neste idioma. Os usos lingüísticos dos departamentos pódense visualizar aquí moi graficamente grazas á separación de tramos por cores.

Dos 2.063 membros do PDI da USC, 773 (o 37,46% do total) imparten docencia total ou parcialmente en galego na USC. Os usos lingüísticos son moi diversos, segundo as categorías de profesorado. O PDI máis numeroso, o profesorado titular, que actualmente supón o 38,29% do PDI, é a categoría que en conxunto asume a maior encarga docente, e imparte en galego o 24,7% desa horas. A seguinte categoría máis abundante (o 14% do PDI) é a de catedráticos/as, que usa o galego no 19,35% das súas horas de aulas. Seguen os profesores/as contratados/as doutores/as (o 14,35% do efectivos do PDI), cun uso do galego do 33,7%. O profesorado asociado LOU (o 9,5% do PDI) utiliza o galego no 27,53% da súa docencia e o profesorado asociado de Ciencias da Saúde (9,9% do PDI), só un 1,08%. Lembremos que, maioritariamente, este profesorado imparte docencia clínica fundamentalmente de Medicina, no CHUS, a grupos moi reducidos de estudantes, polo que representan un gran peso en horas docentes.

As restantes categorías do PDI (axudantes doutores, interinos, colaboradores, contratados, lectores, invitados, predoutorais, posdoutorais...), imparten menos do 15% da docencia e os seus usos lingüísticos son do máis variado. Aquí podes ver os datos dos usos lingüísticos segundo as categorías máis importantes do PDI.

Evolución

Podemos obter unha perspectiva bastante razoable sobre a evolución do uso das linguas na docencia da USC xa que contamos con datos dende o curso 2003-2004.

evolucion

Como podemos ver, os datos destes dezaoito cursos reflicten un modelo bilingüe con elevado predominio do castelán moi consolidado. A docencia das antigas titulacións de 1º e 2º ciclo e dos graos vehicúlase moi maioritariamente en castelán (sempre máis de 2/3 das horas docentes); ademais impártese entre 1/3 e 1/5 en galego e menos dun 5% noutros idiomas. E os usos lingüísticos de Medicina teñen moitísima repercusión nos datos globais, dado o peso das súas horas docentes no total.

Nos mestrados o uso das dúas linguas oficiais segue estando máis próximo ao equilibrio. Non se aprecian variacións no uso do inglés e doutras linguas nos mestrados, o cal se pode considerar residual, sempre próximo ao 2%

Se debullamos a evolución dos usos lingüísticos por titulacións de grao e de mestrado a situación semella bastante estable. As cores, que clasifican as titulacións segundo tramos de uso do galego, permiten percibir doadamente as mudanzas, en xeral, congruentes e comprensibles.

O uso do galego en titulacións da área de Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría) é paupérrimo ano tras ano. Pola contra, no cadro de honra no uso do galego seguen campando, ademais de, loxicamente, Filoloxía Galega,  as titulacións da Facultade de Ciencias da Comunicación -Xornalismo e Comunicación Audiovisual-, así como outras titulacións de Ciencias Sociais: Educación, Filosofía, Xeografía...

Fontes e datos

No web do SNL pódese consultar todos os datos de usos lingüísticos na docencia da USC, deste e dos cursos anteriores ata 2003-2004. Aínda que a análise se realiza no Servizo de Normalización Lingüística, os datos son fornecidos pola Área TIC da Universidade, e expresados en porcentaxes sobre o número de horas docentes. Os datos son oficiais, tirados dos plans de organización docente (POD) anuais aprobados polos departamentos e reflectidos na aplicación de xestión académica XesCampus.

Luns, 22 de febreiro de 2021