Novas recentes

A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?

A Universidade de Santiago de Compostela convoca unha nova edición, a cuarta, do Premio ‘Luis Porteiro Garea’. Este premio lembra a figura do profesor da cátedra de dereito civil e membro das Irmandades da Fala Luis Porteiro Garea, quen o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia.

 

O IV Premio ‘Luis Porteiro Garea’ quere recoñecer a iniciativa, o traballo e a traxectoria da comunidade universitaria presente e pasada a prol da normalización do galego na universidade. Deste xeito, serán valoradas aquelas iniciativas relacionadas co emprego habitual da lingua na institución universitaria; as achegas realizadas á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos e actividades na USC; o estudo e difusión do idioma galego; ou calquera outra iniciativa que sexa considerada relevante neste eido. Nas anteriores edicións deste premio foron recoñecidos os profesores Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade e Antón Costa Rico, catedráticos de Química Orgánica, Dereito Mercantil e Historia da educación, respectivamente.

As candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo ata o 30 de abril de 2021 e deben dirixirse, seguindo o modelo, á Secretaría do xurado a través do Rexistro Electrónico da USC. O premio ten carácter de distinción pública e será realizado un acto protocolario onde se lle entregará á persoa ou colectivo premiado un elemento simbólico de tipo artístico, neste caso, unha pez do escultor Caxigueiro.

O xurado estará formado polo reitor; a persoa integrante do equipo de goberno da USC con competencia en cuestión de política lingüística; un representante da Comisión do Claustro; dúas persoas membros dunha comisión de normalización das facultades; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, que actuará como secretario, con voz pero sen voto. A composición concreta do xurado farase pública con anterioridade á súa constitución no taboleiro electrónico e na páxina web da USC.

Venres, 19 de febreiro de 2021