Novas recentes

Suplemento de ciencias da saúde para o corrector ortográfico

 

Os correctores ortográficos presentan limitacións en textos que empregan moito léxico que vai alén da variedade estándar dun idioma (dialectal, coloquial, técnico), o cal sinala como erros cando non o son. Estas ferramentas traballan a partir dunha lista interna de palabras (chamada dicionario) consideradas correctas coa que comparan os textos que revisamos: se unha palabra do texto non figura na lista, márcase como sospeitosa (normalmente subliñada en vermello). Daquela, en textos técnicos como os das diversas disciplinas universitarias o emprego de correctores automáticos pode resultar confuso, coma nestes exemplos tirados de programas de materias de titulacións de ciencias da saúde e totalmente correctos:


 
Por tal motivo, o Servizo de Normalización Lingüística decidiu asumir a mellora das ferramentas de revisión ortográfica de textos galegos, para o cal a Área de Terminoloxía está implementando produtos derivados do bUSCatermos: aproveita a terminoloxía técnica compilada en bUSCatermos para incorporala aos dicionarios dos correctores. Crea así os Suplementos Temáticos que instalan como dicionarios personalizados nos paquetes ofimáticos MS Office e LibreOffice. Ao instalalos e activalos engádenselle á lista de palabras que o corrector considera adecuadas varios miles de termos técnicos de cada un deses ámbitos, o que evitará que sexan marcadas como sospeitosas cando se utilicen nun documento. Cómpre indicar que non se trata de produtos pechados, senón que se irán actualizando e ampliando a medida que a terminoloxía correspondente se amplíe no bUSCatermos. Velaquí o exemplo anterior unha vez instalado o Suplemento de Ciencias da Saúde:

 

Fístula de ano, absceso perianal, condilomas acuminados, quiste pilonidal (Medicina)

Parto distócico e intervencións obstétricas. Distocias por anomalías da estática fetal. Distocias do motor do parto. Parto prolongado. Distocias do conduto do parto. Accidentes do parto (Enfermaría)

Calcificación e erupción normal e patolóxica en ortopantomografías (Odontoloxía)

Analxésicos, antipiréticos, antiinflamatorios: Cortiza de Salgueiro. Harpagófito (Farmacia)

 

Para a contorna Windows os suplementos ofrécense a través dun instalador que simplifica ao máximo o proceso de instalación e activación. Para outras contornas (distribucións Linux, iOS...) cómpre que as persoas interesadas descarguen e instalen manualmente os ficheiros dos respectivos dicionarios. Todo este conxunto de material difúndese coa licenza CC BY-SA 4.0 e pódese descargar libremente desde esta páxina, onde tamén poderás visualizar un vídeo sobre como instalar e activar os suplementos temáticos para o corrector ortográfico que utilices.

Este Suplemento de Ciencias da Saúde responde tanto a peticións de apoio terminolóxico por parte das comisións de normalización lingüística das facultades de Medicina e Odontoloxía e mais Farmacia, como á Acción 2.8 do Plan de Actuacións de Normalización Lingüística 2020-2022 da USC: “Elaborar materiais útiles para a comunidade universitaria e tamén para a sociedade en xeral, especialmente para a educación secundaria”. Igualmente responde a unha das accións estratéxicas do Plan Estratéxico Ponte da Facultade de Medicina e Odontoloxía relativa á mellora dos recursos dispoñibles en terminoloxía médica e odontolóxica.

 

Xoves, 18 de febreiro de 2021