Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
Vinte e catro novos Esenciais para apoiar o teu estudo
O pasado 23 de decembro presentáronse dezanove Esenciais USC, que forman parte dunha colección que presenta de xeito claro e mesmo gráfico os conceptos máis importantes dunha materia ou de parte dela, explicados polos seus propios docentes, e en lingua galega. Únense aos cinco Esenciais que xa se publicaron a comezos de 2020 e que nacen “como ferramenta que permite achegar o galego á docencia”, tal e como destacou o reitor Antonio López no acto de presentación. Alén do reitor, tamén interviñeron na sesión o vicerreitor de Planificación Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, e o responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala.
Os Esenciais permiten mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na universidade, así como transmitir información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non verificadas. Ademais de para o ensino universitario, onde poden ser utilizados na docencia de varias materias nalgúns casos, moitos deles poden ser interesantes no bacharelato. Edítanse en diferentes formatos e poden ser adquiridas na web do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. Tamén están dispoñibles nalgúns puntos dos campus da USC e en librarías.
Esenciais USC responden á acción 2.8 do Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022, “Elaborar materiais útiles para a comunidade universitaria e tamén para a sociedade en xeral, especialmente para a educación secundaria, que constitúe a base do ensino universitario. Continuar coas liñas de traballo iniciadas coas coleccións de Unidades Didácticas, Vídeos Didácticos e Esenciais.” Tamén se aliñan co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4, o cal aspira a garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos e todas.
Esenciais presentados
María del Carmen Yebra Biurrun e María Ramil Criado son as autoras do esencial Química: aspectos básicos de ácidos e bases. Anatomía humana: sistema dixestivo e xenitourinario é obra de Ana Isabel Rodríguez Pérez, José Eugenio Rodríguez Fernández e Juan Antonio Suárez Quintanilla. María José Alonso Veloso dedicou os seus tres esenciais a abordar o barroco literario en España, tanto no caso de Lope de Vega, como no de Luis de Góngora e Francisco de Quevedo. Julio Seijas e María Pilar Vázquez Tato son autores da guía titulada Química orgánica: estrutura dos compostos orgánicos: esteroisomería; mentres que Pilar Mato Eiroa é a responsable do esencial Álxebra linear numérica: sistemas lineares.
María Elena Vázquez Abal coa guía Xeometría diferencial: superficies regulares; Juan Manuel Garrido Fernández e Francisco Omil Prieto con Enxeñaría ambiental: tratamento de augas residuais; Pilar Bermejo Barrera, María Elena Peña Vázquez e María Carmen Barciela Alonso con Métodos analíticos espectroscópicos e electroquímicos: métodos electroanalíticos e con Métodos analíticos espectroscópicos e electroquímicos: espectrometría atómica, e María Belén Trigo García con Dereito civil galego: tipos e réxime de propiedade do monte en Galicia integran un catálogo do que tamén forman parte Rosalía Gallego Gómez, Marina Gándara Cortés e Lucía García-Caballero Pérez con Técnicas histolóxicas: microscopia óptica, inmunohistoquímica, hibridación in situ e microscopia electrónica.
O esencial Planificación estratéxica: ferramentas de análise da contorna: PESTEL e DAFO de Fernando Losada Pérez, Alejo Becerra Díaz e Jakson Renner Rodrigues Soares; Tecnoloxía de ordenadores: definición, compoñentes e funcións de Francisco Manuel Fernández Rivera; Análise matemática: o concepto de límite de Jorge Rodríguez López, Lucía López Somoza e Alberto Cabada Fernández; O cálculo con Sage: comandos relevantes para o cálculo en ciencia e enxeñaría de Francisco José Pena Brage; Matemáticas e estatística II: conceptos e fórmulas da estatística no Grao de Farmacia de José Carlos Díaz Ramos, Enrique Macías Virgós e Antonio Mariano Gómez Tato; e Estatística descritiva: resumos numéricos e representacións gráficas de Rosa Crujeiras Casais, Mercedes Conde Amboaje e María Isabel Borrajo García, completan a listaxe.
A comisión que valorou as propostas tivo en conta a calidade lingüística e o impacto científico, entre outros aspectos. Esenciais publícase coa colaboración da Real Academia Galega de Ciencias, que revisou os esenciais pertencentes ás áreas de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría, e da Xunta de Galicia.
Xoves, 18 de febreiro de 2021