Novas recentes

Divulgamos a nosa investigación na nosa lingua

No mes de novembro celébrase o Día da ciencia en galego. As facultades de Matemáticas e Bioloxía organizaron cadansúa xornada de carácter divulgativo, protagonizada por investigadoras e investigadores novos, que presentaron de xeito amable a investigación que se están desenvolvendo aos estudantes de grao e mestrado dos centros.

Ademais, fano na nosa lingua, para comezar a acostumarse a presentar as súas investigacións ao público non especialista e noutro idioma que non sexa o inglés. No caso das Matemáticas, ademais, trátase dunha iniciativa para normalizar o uso do galego nesta disciplina, deixando de lado prexuízos lingüísticos e prohibicións, no mes en que se celebra a Ciencia en Galego.

Matemáticas: Habelas, hainas! E seguimos contándochas!

En Matemáticas, a Aula Magna quedou pequena o pasado 7 de novembro para acubillar as máis de 150 persoas que seguiron as sete charlas en que consistiu o Habelas, hainas! Cunha duración máxima de 20 minutos, levaban suxestivos títulos, e con elas poderemos entender a simetría a través da vida cotiá, pero con rigor matemático (“Xeometrías de aquí e acolá”); saber que detrás dos videoxogos e das interaccións que presenta hai moita matemática (“Trebellos matemáticos nos videoxogos”); demostrar mediante as matemáticas se unha maior ou menor explotación pesqueira inflúe na poboación de peixes (“Máis explotación pesqueira, menos peixes pequenos?”); coñecer as ferramentas matemáticas sobre as que están construídas as criptomoedas (“Pagando en binario: a tecnoloxía dos criptocartos”); reflexionar sobre se existen as casualidades coa axuda da estatística (“Malo será!”); comprobar que hai moita fórmula matemática detrás dos satélites artificiais e das aplicacións que nos permiten o seu seguimento (“Na procura de satélites artificiais”) ou abraiarnos aproveitando a ben coñecida conflitividade social dos nosos marcos contra a teoría que defende que a Terra é plana (“O movemento dos marcos ou como rebater o terraplanismo”). Ademais, tamén se presentou unha solución para que os correctores ortográficos automáticos sexan útiles nun texto matemático (“Corrixindo o corrector”).

Todas elas pódense ver na páxina web, premendo en cada un dos títulos.

Coloquios con novas investigadoras

En Bioloxía unhas 50 persoas participaron os mércores 13 e 20 de novembro na terceira edición dos Coloquios con novas investigadoras, organizados pola Comisión de Normalización Lingüística do centro. "O doutoramento: como e por que"; "O diaño viste de bata. Inquedanzas do biólogo investigador"; "Unha tese tóxica? e "Asma: axudas para a supervivencia no mundo académico", foron os títulos das catro intervencións realizadas por mozas investigadoras, que versaron tanto sobre as liñas de investigación en que participan como sobre as vicisitudes e perspectivas da vida como investigadoras mozas.

habelashainas2019  bio_coloquio_2019

Venres, 22 de novembro de 2019