Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
A USC poténciase como .gal
A USC está a potenciar .gal como xeito de estarmos en Internet. Un plan técnico e de comunicación que xa comezou, artellado en varias fases, posibilitará que usc.gal sexa por fin o enderezo referente da nosa universidade.
No ano 2014 a USC foi unha 93 das institucións e empresas “pioneiras” na adopción do dominio .gal para visibilizarse en Internet. Dende daquela unicamente se posibilitou que quen quixer, de xeito individual, puidese acceder ao web institucional www.usc.gal dende decembro dese mesmo ano.
En novembro de 2018 o Claustro aprobou a proposta das Liñas Xerais da Programación Plurianual, que recollen a necesidade de desenvolver o dominio .gal.
A USC decide, logo, impulsar a extensión do .gal e, deste xeito, ampliar o número de servizos dispoñibles baixo este dominio e convertelo no enderezo de referencia para que a USC se posicione no mundo dixital. Este proceso posúe unha certa complexidade técnica, polo que se está a realizar en varias fases nos diversos aspectos a que afecta.
Sitios web
Na actualidade, practicamente todos os sitios web existentes baixo o dominio usc.es estan tamén operativos como usc.gal: http://xornal.usc.gal, http://tv.usc.gal, http://ocartafol.usc.gal... En breve, e en canto se solucionen cuestións técnicas e legais, estarán dispoñibles o portal do empregado (http://persoas.usc.es) e a sede electrónica (https://sede.usc.es), a cal require a que a modificación do enderezo sexa publicada no DOG.
Progresivamente o .gal será o dominio ao que se redireccionen independentemente do URL que se escriba, polo que se converterá no enderezo principal, sen que iso signifique a eliminación do anterior. A implantación prioritaria deste dominio realizarase conservando o posicionamento na Rede que goza a USC.
Correo electrónico
As contas non persoais, ligadas a un cargo ou a un órgano ou servizo, pasarán de xeito inmediato ao dominio “usc.gal” como enderezo principal: <reitor@usc.gal>, <atic@usc.gal>, etc.
Todas as caixas de correo da USC xa teñen asignado un enderezo adicional co formato <enderezo@usc.gal>, de xeito que todo o correo será recibido na mesma caixa, independentemente de que vaia destinado a @usc.es ou a @usc.gal.
Para os estudantes está previsto que xa para o curso 2019‐2020 todas as novas caixas de correo teñan unicamente o formato <nome.apelido@rai.usc.gal>.
En canto as contas persoais, unha vez que se supere o período de probas que se está a realizar, cadaquén poderá elixir o remite con .es ou con .gal., para o cal se darán as oportunas instrucións. A decisión fica aquí no terreo individual, pois pode afectar a subscricións a listas, aspecto especialmlente importante para o PDI.
Sistema de identificación centralizada
Polo momento, cómpre seguir a identificarse co formato <nome.apelido@usc.es> ou <nome.apelido@rai.usc.es>, tanto nos equipos de usuario como no sistema de identificación centralizado <https://login.usc.es>, por mor das importantes implicacións técnicas que comporta o cambio no formato dos identificadores de usuario.
Comunicación
Estes cambios técnicos deben acompañarse de medidas de comunicación para conseguir repercusión a nivel social: a implantación para a USC deste dominio, destinado a visibilizar a lingua e a cultura galega en Internet, é asemade unha actuación de proxección universitaria.
Conseguir que a comunidade universitaria se identifique co novo enderezo de referencia usc.gal e que este se coñeza e consolide na sociedade galega é unha tarefa relacionada co seu uso, difusión e promoción nos diversos soportes e para os máis variados fins: papelaría institucional, publicidade para a captación do alumnado, carpetas estudantís, folletos, pósters, lonas e webs que presentan congresos científicos, campañas institucionais, tarxetas de visita, vídeos, publicacións, etc.
O dominio .gal
O dominio .gal é un dominio de internet de primeiro nivel para a lingua galega e a súa cultura, segundo foi aprobado oficialmente pola ICANN o 14 de xuño de 2013. Aínda que o primeiro web www.dominio.gal entrou en funcionamento o 16 de maio de 2014, foi o 25 de xullo de 2015 cando se presentaron as primeiras webs .gal, entre as que se atopan webs da Xunta de Galicia, múltiples concellos galegos, a Radio-Televisión de Galicia, partidos políticos, fundacións, equipos deportivos ou as universidades, cun total de 93 dominios "pioneiros" seleccionados de entre unha multitude de peticións. Hoxe en día son perto de 5000 os dominios .gal rexistrados.
Conseguir o dominio .gal para poder referenciar a lingua e a cultura galega en Internet tivo o seu inicio en 2006, grazas á creación da asociación Puntogal, logo de ver o exemplo de .cat. Esta asociación conseguiu máis de 12 000 apoios de toda a sociedade galega para presentar a petición perante o ICANN, entre eles, o da propia Universidade de Santiago de Compostela.
Xoves, 23 de maio de 2019