Novas recentes

Con traballos, curtas ou con literatura, aínda podes participar en...

Achégase o final do curso, mais aínda tes a oportunidade de participares en varios concursos abertos. Se o teu é centrarte nos estudos e fas traballos en galego, podes optar aos Premios á calidade lingüística. Se tes certa vea artística e escribes ou fas vídeos, tes oportunidades co certame literario “Mazarelos” e con “Somos a curta”, o concurso de pezas audiovisuais de cinema do real.

Premios á calidade lingüística

A presentación axeitada dun traballo ou documento, dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega.

Os Premios á calidade lingüística chegan á súa décimo quinta edición neste curso académico 2018-2019. Concédense cinco premios á calidade, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades, do que resulta un total de 15 premios:

En todos os casos, os gañadores e gañadoras reciben ademais un diploma para o seu curriculum.

Todo o alumnado da USC que elabore os seus traballos en galego e obteña cando menos a cualificación de aprobado poderá optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O prazo para presentarse aos XIV Premios á calidade lingüística remata o 31 de xullo, no caso dos traballos académicos de curso, e o 2 de outubro no caso de TFG, PFC e TFM. Para optar aos premios só cómpre presentar unha copia do traballo, unha vez que estea aprobado, xunto cos datos que se solicitan, nos rexistros da USC.

Escribes? V Concurso literario Mazarelos

Calquera estudante da USC, sexa cal for a titulación que curse, pode participar no Mazarelos cunha obra de calquera xénero literario e calquera tema, orixinal e escrito en lingua galega. Establécense tres premios de 700, 400 e 200 euros mais diploma. O prazo para a presentación de orixinais remata o 27 de setembro de 2019.

Este certame, que organiza por quinta vez a CNL da Facultade de Filoloxía, responde á tradición do centro para descubrir talentos literarios na nosa universidade que se unan á importante lista de figuras literarias que estudaron nas aulas da nosa Universidade: Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Chus Pato, Suso de Toro, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Antón Riveiro Coello...

O Concurso Literario "Mazarelos" conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Se queres reflectir a realidade galega cunha cámara: VIII «Somos a curta!»

Se es estudante dalgunha das universidades galegas, do ciclo de Imaxe e Son, ou de bacharelato artístico neste ano 2019, podes participar no VIII «Somos a curta!».

As pezas que se presenten ao concurso deben responder ao concepto “cinema do real”. O xurado, composto por membros da comunidade universitaria, valorará a calidade da lingua, a orixinalidade, o tratamento do tema e a profundidade da análise socio-política, así como a calidade formal das pezas.

Para participar debes achegar a peza e mais os datos correspondentes á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC ata o 11 de outubro de 2019. Poderase facer mediante as plataformas Office365 ou WeTransfer, así como mediante dvd.

O mércores 31 de outubro as curtas presentadas exhibiranse nunha gala na propia Facultade, na que o xurado outorgará dous premios de 500 e 250 euros, e o público elixirá que fita leva o seu premio, galardoado con diploma honorífico.

A CNL de Ciencias da Comunicación organiza Somos a curta! cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos e artísticos dos estudantes galegos e promover a análise da realidade galega a través do audiovisual.


Xoves, 23 de maio de 2019