Novas recentes

O meu elemento e TED-Saúde, dous concursos resoltos

Nos dous concursos andan vídeos de por medio e o galego é a lingua que cómpre promocionar, pero aí rematan as coincidencias. O meu elemento e TED-Saúde son os dous concursos das comisión de normalización que acaban de resolverse. Queres saber quen os gañou?

TED-Saúde

A cuarta edición do TED-Saúde volveu alcanzar un notable éxito de participación: presentáronse 26 propostas de subtitulación de vídeos TED á nosa lingua, 15 na modalidade A (membros da USC que non pertencen á comunidade TED, e que contaron cun obradoiro para aprender) e 11 na modalidade B (membros da comunidade TED).

O xurado do concurso tivo difícil o seu traballo por mor da boa calidade xeral das subtitulacións, que o obrigou a estudar moi polo miúdo os vídeos. Finalmente os subtítulos de “Que causa as cefaleas?”, de David Miguel Rodríguez Martínez, e de “Homeopatía, curandeirismo e estafa”, de Ainoa Antelo Pérez, foron os gañadores en cadansúa modalidade, polo que levarán premios de 250 e 150 euros, respectivamente, mais o diploma honorífico.

Os dous vídeos mais os finalistas pódense ver xa na web do SNL; proximamente tamén se visualizarán na canle do SNL en Youtube, xunto con todos os demais vídeos participantes nesta edición e no propio TED. En ambos os sitios, se os subtítulos en galego non aparecen automaticamente, cómpre activalos na configuración do reprodutor. Grazas ao #TEDSaúde xa son case 230 as charlas relacionadas coa área de ciencias da saúde que teñen subtítulos en galego.

A entrega de premios realizarase o vindeiro curso, no desenvolvemento do acto institucional do padroeiro de Farmacia, facultade cuxa comisión de normalización lingüística organiza este concurso, cos obxectivos de estimular o uso do galego na área de ciencias da saúde e fomentar a existencia de recursos divulgativos en galego nesta área.

O meu elemento

A CNL da Facultade de Ciencias de Lugo organizou o concurso de vídeos O meu elemento, dirixido tanto a toda a comunidade universitaria galega como ao alumnado da ESO e de 1º e 2 de bacharelato de Galicia.

O obxectivo do concurso era atraer o interese do alumnado sobre a celebración do Ano Internacional do Sistema Periódico, co gallo dos 150 anos da publicación da táboa periódica dos elementos químicos de Mendeleev, así como poñer de manifesto a naturalidade da expresión dos contidos científicos en lingua galega.

E semella que o certame cumpriu os seus obxectivos: foron 41 os vídeos presentados ao concurso, que requiría que se centrasen nun elemento químico, en 30-90 segundos e en lingua galega. Todos eles poden verse xa na lista de reprodución en Youtube do Proxecto Funil.

Os premios da categoría A (bacharelato e ESO) recaeron en:

  • Primeiro premio (300€): “O radio e Marie Curie” de Nayra Vázquez Mata, Nicolás Castro Parada e Manuel Rodríguez Cortés do Colexio Santiago Apóstolo de Narón
  • Segundo premio (150€): “O radon: malos modais para un gas nobre” de Aarón Vilariño Figueiras e Artur Vázquez Rego do IES Pontepedriña, Santiago de Compostela
  • Terceiro premio (100€): “Curiosidades sobre o cloro” de Andrea Ferrer Muñiz e Uxía Villaverde Gómez do IES de Poio, Pontevedra

Os premiados na categoría B (universidade) resultaron ser:

  • Primeiro premio (500€): “Curiosidades do antimonio” de Alexia Blanco Novo e Estefanía Ramos Witzack.
  • Segundo premio (200€): ”Imaxinaríaste un mundo sen tántalo?” de Sandra Fernández Fariña.
  • Terceiro premio (100€): “Oganesson, o derradeiro elemento” de Isabel García Méndez, Iria López López e Enrique Touceda Rivas.

Os premios entréganse nun acto público o día 22 de maio no Salón de Graos da Facultade de Ciencias, que se pechará cunha conferencia do profesor Manuel Bermejo, premio Luis Porteiro Garea 2017, titulada 'A Táboa Periódica hoxe: para que serve?

omeuelemento

 

 

Xoves, 23 de maio de 2019