Novas recentes

Mudanzas nos requisitos de idioma para alumnado e PDI

O Claustro da USC celebrado o pasado 10 de maio aprobou suprimir o requisito de acreditar o coñecemento dunha lingua estranxeira ao nivel B1 para  obter o título de grao. E o Consello de Goberno do 8 de abril, aprobou un novo Regulamento de selección de profesorado non permanente, no cal o coñecemento das dúas linguas oficiais –e xa que logo, o coñecemento do galego- para a ser requisito.

Supresión do B1 dun idioma estranxeiro para o alumnado

A medida, pendente de que se aprobe tamén e de xeito máis preciso no Consello de Goberno, débese en primeira instancia á obriga derivada dunha sentencia previa na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declaraba ilegal esta esixencia tras a denuncia dun estudante de Historia, pois non estaba incluída no Plan de Estudos da titulación –igual ca noutras cantas- aínda que si nas Liñas xerais para a elaboración dos plans de estudo de grao na USC.

Deste xeito, o Consello de Goberno eliminará o requisito do B1 e recoñecerá o coñecemento dunha lingua estranxeira no expediente do alumnado, por exemplo no Suplemento Europeo ao Título (SET).

A medida debe entenderse “sen prexuízo de que, xustificadamente, plans de estudos poidan fixar como requisito de acceso un determinado nivel de coñecemento dalgunha lingua estranxeira ou mesmo, excepcionalmente, incorporar formación en idiomas”.

Isto obrigará a revisión de todos os plans de estudo que si obrigaban a acreditar o B1 para a obtención do grao. O coñecemento dun determinado nivel dun idioma estranxeiro só será obrigatorio naqueles plans de estudo que integren a posibilidade de obtelo.

Porén si se manterán os créditos ECTS que certifica a USC por acreditar competencias lingüísticas, que poden chegar aos 6 ECTS polo nivel C2 de idiomas estranxeiros, 5 ECTS polo nivel B2 de lingua galega para estudantes procedentes de fóra de Galicia e 1 ECTS para todo o alumnado por cursos de 25-30 horas de lingua galega organizados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Requisito de coñecemento das linguas oficiais para o PDI non permanente

Por outra banda, o Consello de Goberno da USC celebrado o 8 de abril aprobou un novo Regulamento de selección de profesorado non permanente (profesorado axudante doutor, interino de substitución e listas de agarda, profesorado asociado e asociado de Ciencias da Saúde, e profesorado axudante). 

Con este regulamento, o coñecemento das dúas linguas oficiais –e xa que logo, o coñecemento do galego- para a ser requisito de presentación para todas aquelas persoas que queiran acceder a estas contratacións, pois, para seren admitidas aos concursos, deberán acreditar, ademais doutros requisitos, o coñecemento das dúas linguas oficiais na USC, galego e castelán.

Porén, a USC disporá os medios necesarios para que o profesorado contratado que non poida acreditalo inicialmente estea en condicións de facelo no prazo que determine a convocatoria ou, en todo caso, antes de transcorridos dous anos desde a contratación.


Xoves, 23 de maio de 2019