Novas recentes

En que linguas se redactan e defenden os TFG e TFM?

Usos lingüísticos nos traballos de fin de grao

O pasado 2018 defendéronse 3.286 traballos de fin de grao na USC en 59 titulacións. Os graos en que máis TFG se defenderon foron Medicina (377), Farmacia (172), ADE (161), Dereito (160) e Mestre de Primaria en Santiago (155), Enfermaría (111) e Bioloxía (110).

A lingua máis utilizada na redacción destes traballos foi o castelán (en 2.408 traballos); a seguir o galego (en 718 TFG) e en menor medida o inglés (en 89), o catalán (en 26) -no que semella un erro, por proximidade co castelán á hora de escoller o idioma no despregable-, o alemán (18 traballos), o francés (18 TFG), o italiano e o portugués con cadanseus 4 traballos, e un TFG en grego, outro erro por proximidade co galego no despregable. Xa que logo, a media dos usos lingüísticos do alumnado nas súas tarefas académicas, como poden ser os TFG, que se representan aquí, é análoga  á media dos usos dos docentes.

Na defensa oral, os datos varían lixeiramente: úsase menos o castelán (os 2.408 traballos diminúen ataa 2.324) e o inglés (de 89 a 76: só os do grao de Lingua e literatura inglesa) e medra o galego (sobe ata os 2.324).

Os relacionados coas Ciencias da Saúde son os graos que máis utilizan o español na docencia (por parte do PDI) e nos TFG do alumnado, nuns niveis moi similares: no 96% dos de Medicina –no que maior número de traballos se presentan de toda a USC, 382-, no 93% dos de Farmacia (sobre un total de 169) e no 81% dos traballos de fin de grao de Enfermaría.

En todas as titulacións en que se leron TFG houbo algún redactado en galego, agás en Enxeñaría Química, con 38 traballos só en castelán, contradicindo o 21% de docencia en galego. En Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias só se leu un TFG e foi en galego. En oito graos houbo un maior número de traballos en galego ca en castelán: Ciencias da Cultura, Xeografía e Historia, Mestre en Educación Primaria e Educación Infantil de Santiago, Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Lingua e Literatura Galegas.

Estas últimas seis titulacións tamén son as que máis usan o galego na docencia. En xeral, os usos lingüísticos nos TFG son un espello das linguas utilizadas polo PDI na súa docencia; o uso do galego nos TFG aumenta cando corresponden a graos cun elevado uso do galego, aínda que en poucos casos os traballos estudantís melloran os datos do seu profesorado:

Ciencias da Cultura 55,6% (TFG do alumnado) vs. 41,3% (docencia do PDI)
Xeografía 52% vs. 50,4%
Comunicación Audiovisual 66% vs. 87,3%
Educación Primaria Santiago 53% vs. 63,9%
Educación Infantil 51% vs. 65,3%
Xornalismo 52% vs. 83,4%

No Grao en Lingua e Literatura inglesas só se utilizou o inglés e no de Lingua e Literatura Galegas, só o galego. No Grao en Linguas e Literaturas Modernas, alemán, francés, italiano e portugués. Tamén se redactaron en inglés cadanseu TFG en Química, Pedagoxía, Educación Primaria e Farmacia, e en Física, seis.

Os datos das linguas de lectura e defensa dos TFG sofren pequenas variacións a respecto dos de redacción: 77 traballos escritos en castelán e seis inglés foron posteriormente defendidos oralmente en galego ou noutros idiomas.

Non cabe dúbida de que pesan os propios hábitos lingüísticos da mocidade, como sabemos, cada vez máis castelanfalante. Mais, aínda que só temos a perspectiva de sete anos en canto aos usos lingüísticos nestes traballos, semella que a presenza do galego nos TFG tamén reflicte en boa medida os usos de idiomas do seu profesorado: as porcentaxes globais e liña de evolución son similares, e existen paralelismos entre usos lingüísticos docentes e usos lingüísticos nos TFG por titulacións e grandes áreas de coñecemento.

Usos lingüísticos nos traballos de fin de máster

En 2018 defendéronse 1.086 traballos de fin de mestrado en 133 titulacións. O panorama lingüístico volve estar dominado amplamente polo castelán, como se reflicte na gráfica.

O castelán foi a lingua utilizada para redactar 759 TFM e en galego están redactados 278; ademais utilízase outras linguas, como o inglés (en 44), catalán (o que de novo semella un erro) e portugués (4 e 1, respectivamente).

Tamén neste caso existen diferenzas nos datos analizados entre a lingua en que se redactan os TFM e a lingua en que se len. A lingua que resulta máis favorecida na defensa é o galego, que medra ata os 303 TFM, a custa do castelán (9 traballos menos) e do inglés, aos que resta 9 e 22 traballos.

O pasado curso impartíronse 137 mestrados (incluíndo varias edicións dun mesmo mestrado, especialidades diferentes ou campus distintos). O Máster Universitario en Avogacía (Santiago) foi a titulación en que máis TFM se presentaron, con 54, só un deles en galego e o resto en castelán. Pero se consideramos o conxunto das diversas especialidades e campus de impartición, foron os mestrados en formación do profesorado os que sumaron maior número: 208 en Santiago e 33 en Lugo, en total (241) case a cuarta parte dos TFM. Deles, en galego foron redactados 130 TFM e en castelán 111.

En 15 dos 133 máster, ben repartidos por todas as grandes áreas, non se elaborou ningún TFM en galego. Pola contra, nos mestrados en Arqueoloxía, Enxeñaría Agronómica, Estudos Avanzados sobre a linguaxe, Historia Contemporánea; Igualdade, Xénero e Educación; Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial; Servizos Culturais; Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, o número de traballos en galego superou ao de castelán.

Sorprende que só 44 dos 1.086 TFM presentados (o 4,05%) foran redactados en inglés e que o número mingüe ata 26 (2,39%) na presentación oral. Trece corresponden a mestrados de Estudos Ingleses, sete a Física, seis ao Erasmus Mundus Narrativas Culturais, e en menor número a Dirección de Empresas, Enxeñaría Ambiental, Matemática Industrial, Química Orgánica, Lexicografía, Química Teórica e Actividades Educativas na Natureza. Ningún deles, como se ve, en Ciencias da Saúde.

Fomento dos TFG e TFM en galego

Cómpre lembrar que a USC fomenta o uso do galego en ambos os tipos de traballos, TFG/PFG e TFM mediante os Premios á calidade lingüística, por unha banda, e, por outra, fornecendo os modelos de traballos de fin de grao e de fin de mestrado no noso idioma, que facilitan a súa redacción e que se ofrecen en formato Word e en formato LibreOffice.

Martes, 05 de marzo de 2019