Novas recentes

Os idiomas nas teses de 2018

O pasado ano defendéronse 231 teses de doutoramento na nosa Universidade. «Estudo dos fluxos fiscais directos e indirectos entre Galicia e a Administración Central. Unha análise a través da balanza fiscal básica e ampliada e dos fluxos interterritoriais ocultos», foi unha das 19 teses de doutoramento que se defenderon utilizando o galego: once redactáronse unicamente en galego, en dúas utilizouse como lingua principal e nas restantes seis, como lingua secundaria.

No pasado ano todas as teses debían acubillarse na Escola de Doutoramento Internacional; catorce delas non presentan máis detalle; 58 da EDI de Ciencias e Tecnoloxía; 52 da EDI do Campus en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas; 46 da EDI de Ciencias da Saúde  e doce son da EDI do Campus Terra.

En canto ao uso das linguas nestes traballos de investigación, o dato máis salientable é que o castelán segue sendo a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 231 teses lidas o pasado ano, 133 realizáronse total ou parcialmente –de xeito principal ou secundario- neste idioma (o 57,57%). O inglés é segundo idioma máis utilizado, con 69 teses (29,87%). Ao seu lado, a utilización do galego (8,22%) ou o portugués (4,34%) resulta moito máis discreta; non se usan outras linguas.



As teses presentadas nas áreas de Humanidades, Artes e Ciencias Sociais e Xurídicas son as máis diversas desde o punto de vista das linguas: aínda que a maioritaria é o castelán (30 de 52 teses redactadas nun único idioma), tamén se utiliza o galego (dez), o portugués (sete) e o inglés (cinco). As teses de Ciencias das Saúde exprésanse moi maioritariamente en castelán (37 de 46), pero tamén usan o inglés, o portugués e o castelán. As de Ciencias e Enxeñaría e mais as da EDI do Campus Terra só se redactaron en inglés e castelán, e de xeito idéntico, no caso das Ciencias (29 en cadanseu idioma).

Cando a tese está redactada en máis dun idioma as proporcións son bastante parecidas, no caso do idioma principal, agás no caso das teses de Ciencias e Enxeñaría, en que o inglés xa é a lingua de máis da metade, por riba do castelán (47 e 32 teses, respectivamente).

Se estudamos a evolución do uso dos idiomas dende o ano en que comezamos a ter datos de usos lingüísticos, 1994, percíbese unha progresiva diminución do uso do castelán a prol da utilización do galego, nos primeiros anos, e doutras linguas, especialmente, do inglés. En relación ao inglés, cómpre salientar que deste último idioma só temos datos desagregados dende 2009 e que a tendencia é á alza, ascendendo posicións ano a ano.




A utilización da lingua galega nestes traballos, do cal temos datos dende 1990, presenta numerosos altibaixos; dende 2000 móvese entre o 7% e o 15%. Máis importante aínda é que o cruzamento de datos de solicitantes de axudas á realización de teses de doutoramento en galego dende 1994 e de utilización da nosa lingua na docencia por parte destes mesmos profesores e profesoras, revela un grao de fidelización moi elevado ao uso do galego.

Malia os doutorandos e doutorandas contaren con axudas da USC que incentivan o uso do galego, o certo é que só 9 das 22 teses defendidas en 2017 que tiñan dereito á axuda do SNL (redactadas exclusivamente na nosa lingua e fóra do Departamento de Filoloxía Galega) solicitaron as subvencións de ata 400 euros ou o correspondente asesoramento lingüístico e terminolóxico.




Xoves, 28 de febreiro de 2019