Novas recentes

O profesor Gómez Segade, recoñecido co II Premio “Luís Porteiro Garea”

O xurado destacou o compromiso do premiado coa lingua galega na súa vocación de creador e, sobre todo, de transmisor do coñecemento do dereito, especialmente no eido da propiedade industrial, onde goza dun enorme prestixio, recoñecemento e proxección internacional que non lle impediu seguir usando a súa lingua nai. Profesor ben querido polo seu alumnado, que o considera un auténtico mestre no eido do dereito, sempre utilizou o galego nas aulas, incluso en tempos en que esta opción supuña practicamente un demérito, o cal o converteu en referente lingüístico para centos de alumnas e alumnos que hoxe en día son profesionais da Xustiza, da Administración ou da empresa. Así mesmo considérase mérito indiscutible que o profesor Gómez Segade é un coidador da palabra, un orador insigne, tamén no noso idioma.

Por outra banda, o xurado tamén tivo en consideración o seu papel como dinamizador lingüístico e cultural: membro do Consello da Cultura Galega, do Seminario de Estudos Galegos, do Padroado do Museo do Pobo Galego, da Fundación Pedrón de Ouro, da Fundación Castelao, do Club nacionalista “Alén Nós”... e o feito de que xa foi recoñecido polo seu compromiso coa lingua cos premios Lois Peña Novo do Concello de Redondela e San Martiño do Concello da Estrada, así como coa medalla de ouro da Irmandade Xurídica Galega.

A entrega do premio, que lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membros das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, celebrarase nun acto público que se desenvolverá no Paraninfo da Universidade o día 16 de setembro de 2019, coincidindo co aniversario da primeira lección en galego de que se ten constancia e que fóra pronunciada nese mesmo lugar o 16 de setembro de 1915 polo profesor Porteiro.

O premio "Luis Porteiro Garea"

O Premio ‘Luis Porteiro Garea’ busca distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasados da USC que contribúan á normalización da lingua galega na propia Universidade. Así, destacarase aquelas iniciativas relacionadas co emprego habitual da lingua nas actividades cotiás da institución universitaria, especialmente se uso se producir de xeito pioneiro; a achega por parte da persoa ou colectivo premiado á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades da USC; o estudo e a difusión da lingua galega; ou calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na USC que sexa valorada como significativa.

Nesta segunda edición foron presentadas seis candidaturas. Logo de seren examinadas e tras un amplo debate, o xurado acordou conceder o premio de maneira unánime ao profesor Gómez Segade.

O xurado do Premio “Luís Porteiro Garea” estivo constituído desta volta polo reitor, Antonio López; o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo; a profesora Rita Gradaílle, da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro; a profesora Ana María Gómez Noya, representante das cnl de Santiago; Ana Isabel García Arias, representante das cnl de Lugo; os profesores de Filoloxía Xavier Varela e Ana Isabel Boullón. Exerceu como secretario Manuel Núñez Singala, director do SNL.

Xoves, 28 de febreiro de 2019