Novas recentes

Cinema nos Encontros de Lúa Chea de marzo

 

Hai agora un ano, os Encontros de Lúa Chea achegáronse ao Día Internacional da Muller para falar de micromachismos. E 365 días despois volven poñer o foco sobre situacións de violencia que socialmente tenden a minusvalorarse, pero que lle meten o medo no corpo a millóns de mulleres cada día.

Desta vez vaise falar de como perciben as mulleres o espazo público. E para estimular a conversa e o debate comezan coa proxección do filme Tódalas mulleres que coñezo, un documental premiado en diversos festivais de cinema ao longo do ano 2018, e no que a través de conversas con distintos grupos de mulleres Xiana do Teixeiro pon en evidencia o masculinizada e violenta que continua sendo a rúa hoxe en día. O filme que non se rodou ningunha megaurbe impersoal e violenta, senón en Lugo, unha cidade pequena e tranquila, pero que tamén está chea de historias que as mulleres só contan en voz baixa.

Ao seren as protagonistas veciñas, amigas, compañeiras de traballo... a conversa posterior á proxección vai permitir falar en alto de moitas desas historias que normalmente só se borboriñan, de quen domina as rúas, de por que tanta xente non se sente segura nelas, e  de que se pode facer para cambiar as cousas.

Así que xa sabes, se andas por Lugo o 6 de marzo, ás 7 da tarde tes un bo plan no Salón de Actos da Fac. de Formación do Profesorado.

 

 

 

 

Venres, 01 de marzo de 2019