Novas recentes

Suplemento de vitaminas para o teu corrector ortográfico

Non vos ten pasado de estardes revisando un texto co corrector ortográfico e ver que empeza a subliñar en vermello palabras que vos parece que están ben escritas?

Parécevos que están ben, pero agora que o corrector as marca... a dúbida queda xa rolando por aí.

  • Será incorrecto escribir "autoemprego" en galego?
  • Que palabra debería usar logo no canto de "monoparentais"?
  • E como se dirá "minicentral" en galego?

En realidade, ningunha desas tres palabras ten problema ningún en galego, e se o corrector nolas marcou como posibles erros é por causa das súas propias limitacións. Estas ferramentas traballan a partir dunha lista interna de palabras (chamada dicionario) consideradas correctas coa que comparan os textos que revisamos: se unha palabra do texto non figura na lista, márcase como sospeitosa (normalmente subliñada en vermello) e ofrécense alternativas para substituíla (outras palabras parecidas formalmente, que si figuran no dicionario do corrector).

Por iso, á hora de revisar textos que empregan moito léxico (dialectal, coloquial, técnico...) que vai alén da variedade estándar dun idioma, as limitacións do corrector comezan a amosar as orellas en forma de falsos erros.

No Servizo de Normalización Lingüística estamos habituados a recibir preguntas como as que apuntamos máis arriba; por iso nos parece moi importante mellorar o traballo das ferramentas de revisión ortográfica de textos galegos. E ocorréusenos que poidamos aproveitar a terminoloxía técnica compilada en bUSCatermos para incorporala aos dicionarios dos correctores aproveitando a posibilidade de suplementalos por medio de dicionarios personalizados.

O que fixemos foi elaborar suplementos temáticos (polo de agora, de Dereito e de Economía e empresa) que instalan como dicionarios personalizados nos paquetes ofimáticos MS Office e LibreOffice. Ao instalalos e activalos engádenselle á lista de palabras que o corrector considera adecuadas varios miles de termos técnicos de cada un deses ámbitos, o que evitará que sexan marcadas como sospeitosas cando se utilicen nun documento.

Para o contorno Windows os suplementos ofrécense a través dun instalador que simplifica ao máximo o proceso de instalación e activación. Para outros contornos (distribucións Linux, iOS...) cómpre que as persoas interesadas descarguen e instalen manualmente os ficheiros dos respectivos dicionarios. Todo este conxunto de material difúndese coa licenza CC BY-SA 4.0 e pódese descargar libremente desde esta páxina.

Este proxecto de traballo comeza —como acabamos de dicir— con suplementos para dúas áreas temáticas, pero agardamos poder ir elaborando e distribuíndo máis ao longo dos vindeiros meses, pois o noso obxectivo é elaboralos para cada un dos distintos ámbitos de coñecemento que teñan unha presenza significativa en bUSCatermos.

 

Xoves, 23 de maio de 2019