Novas recentes

Departamentos, profesorado e linguas


Os usos lingüísticos docentes, que inclúen todas as titulacións de grao e mestrado (482.464,07 horas de clases)  tamén varían en función dos 52 departamentos de que se trate e das categorías de profesorado.

Linguas e departamentos

Tres departamentos carecen de docencia en galego: Fisioloxía, Ciencias Morfolóxicas e Farmacoloxía. Outros catorce non chegan a superar o 10%. En total, na docencia de dezaoito departamentos a nosa lingua ocupa menos do 10% das horas.

Os oito departamentos que utilizan o galego en máis da metade da encarga docente son, exclusivamente, de ciencias sociais e humanidades.

Ademais dos departamentos de Filoloxía Inglesa e Alemá e de Didácticas Aplicadas, hai outros trece departamentos que imparten algunha docencia en inglés: Enxeñaría Química (a máxima, cun 10,41%), Química Inorgánica, Química Física, Química Analítica, Química Orgánica, Física de Partículas, Organización de Empresas, Zooloxía. Economía Financeira, Electrónica e Computación; Enxeñaría Agroforestal; Lingüística; Anatomía e Produción Animal. 

Os departamentos de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía; de Enxeñaría Química e mais de Química Orgánica imparten máis porcentaxe de docencia en inglés ca en galego.

Como xa dixemos ao debullar os datos sobre titulacións, o uso dos restantes idiomas (alemán, catalán, francés, italiano, portugués) limítase aos departamentos encargados da investigación e ensino de cadansúas linguas.

Linguas e PDI

O profesorado titular, que actualmente supón o 31,6% do PDI, é a categoría que en conxunto asume a maior encarga docente, da cal imparte en galego o 25,9% das horas. A seguinte categoría é a de catedráticos/as, o 11,12% do PDI, que usa o galego no 20,2% das súas horas de aulas.
Seguen os profesores/as contratados/as doutores/as, que supoñen o 10,9% dos efectivos do PDI, cun uso do galego do 30,2%.

O profesorado asociado LOU (o 7,4% do PDI) utiliza o galego no 35,2% da súa docencia e o profesorado asociado de Ciencias da Saúde (8,6% do PDI), só un 2,7%, co agravante de que imparten unha considerable carga docente. Lembremos que, maioritariamente, este profesorado imparte docencia clínica, no CHUS, a grupos moi reducidos de estudantes.

As persoas con contratos predoutorais do Ministerio e da Xunta, que poden dar ata 60 horas lectivas e representan o 10,64% do persoal con encarga docente, imparten en galego o 24,6% e o 21,1%.

As restantes categorías do PDI (axudantes doutores, interinos, colaboradores, contratados, lectores, invitados..., suman menos do 25% da docencia e os seus usos lingüísticos docentes son do máis variado.

Ademais do profesorado lector, que imparte en inglés o 38,5% da súa docencia, o máis anglófilo serían os contratados predoutorais da Xunta, co 9,15% de horas en inglés.

Mércores, 30 de xaneiro de 2019