Novas recentes

Evolución dos usos lingüísticos na docencia

Logo dun período en que a docencia da USC parecía progresar paseniñamente cara a un modelo bilingüe castelán-galego, alcanzando os mellores datos para a nosa lingua no curso 2010-2011, a tendencia retrocedeu e estancouse.

Contamos con datos sobre as linguas utilizadas na docencia da USC desde o curso 2003-2004. Logo destes dezaseis cursos contando con datos, podemos obter unha visión sobre a evolución dos usos lingüísticos na docencia bastante razoable. A información baséase nas planificacións docentes dos departamentos e está referida a horas de clase.

Evolución nos graos

Os dous primeiros graos (Matemáticas, Políticas) implantáronse no curso 2008-09 e no 2009-2010, 28 máis. Foi o curso en que o galego conseguiu un maior uso, o 32,76%, neste tipo de titulacións. A partir de 2010-2011 comezou a implantación de graos con moito crédito horario e escasísimo uso do galego, como o de Medicina. Desde entón, o galego baixou paulatina pero constantemente nestas titulacións ata o situarse nos últimos tempos arredor do 20%, como se pode apreciar na gráfica.

O castelán, logo de baixar 18 puntos inicialmente (de 80,84% a 66,21%), comezou unha lenta recuperación ata situarse arredor do 75% das horas docentes. O uso do inglés continúa estancado, sen superar o 2,5%, así como o doutras linguas,  e limítanse ao ensino das linguas nas titulacións de Filoloxía e como materia técnica noutras, mentres que apenas se usa como lingua vehicular no ensino.


Se adoptamos unha perspectiva máis ampla, dende o curso 2003-2004, e consideramos de xeito conxunto a docencia de titulacións de 1º e 2º grao e os graos, o que observamos é unha suave liña  ascendente para o galego (e complementariamente, unha descendente para o castelán) ata 2008, un brusco pico de ascenso e descenso entre 2008 e 2013, e unha suave liña descendente para o galego ata a actualidade.
 
Logo dun período en que a docencia da USC parecía progresar paseniñamente cara a un modelo bilingüe castelán-galego, a tendencia reverteuse, consolidando un modelo bilingüe con predominio do castelán (4/5).



Como resumo, a docencia básica universitaria vehicúlase nestes dezaseis cursos moi maioritariamente en castelán (sempre máis de 2/3); ademais impártese entre 1/3 e 1/5 en galego e menos dun 5% noutros idiomas.

Se debullamos os datos por titulacións de grao, a situación semella bastante estable. As cores, que clasifican as titulacións segundo tramos de uso do galego, permiten percibir doadamente as mudanzas, en xeral, congruentes e comprensibles.

O uso do galego en catro graos da área de Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría) segue ano tras ano sendo paupérrimo. Precisamente, os datos lingüísticos da USC escoran cara ao castelán por mor destas titulacións ligadas á área de Ciencias da Saúde, as de maior carga docente. Só as horas docentes de Medicina representan case a cuarta parte do total da USC, a moitísima distancia de calquera outra titulación (o seguinte en cantidade de docencia impartida é CC. da Educación, co 6%), e o uso do galego neste grao é, case simplemente, superior ao cero..

No cadro de honra no uso do galego seguen campando Filoloxía Galega e mais as titulacións da Facultade de Ciencias da Comunicación -Xornalismo e Comunicación Audiovisual-, así como outras titulacións de Ciencias Sociais: Educación, Filosofía, Xeografía...

Evolución nos mestrados

A evolución dos usos lingüísticos nos mestrados é un tanto diferente. Nos mestrados o uso das dúas linguas oficiais segue estando máis próximo ao equilibrio, arredor dun 65-35, mais sempre a prol do castelán. Na evolución sorprende o dato do curso 2011-2012, que se debe a un erro na recollida de horas do Máster de Formación do Profesorado, ao que se lle atribúen máis de 45 mil sobre un total de case 86 mil horas de mestrados. Non se aprecian variacións no uso do inglés e doutras linguas nos mestrados, o cal se pode considerar residual, sempre próximo ao 2%.

Se debullamos a evolución por titulacións de mestrado, tamén se percibe certa estabilidade, malia algúns datos incoherentes que poden deberse a erros á hora de cubrir o POD na aplicación informática XesCampus.

Evolución por departamentos

O máis salientable é a progresiva redución –que non desaparición- dos departamentos que ignoran o galego na docencia, o que probablemente se debe á unión de departamentos para reducir o seu número dende 98 ata os 51 actuais.

Polo demais, os datos de evolución de usos lingüísticos por departamentos semellan congruentes ao longo do tempo agás algúns pequenos saltos que poden corresponder a erros puntuais (o 95% de galego en Química Orgánica no curso 2005-2006) ou a evolucións e cambios nos usos lingüísticos do profesorado.

Como era de esperar, os departamentos relacionados coas Ciencias da Saúde  e Química revélanse como os menos proclives a incorporaren o galego ás súas horas docentes.
 
A evolución dos usos lingüísticos da docencia da USC

A USC conta con datos sobre o uso dos idiomas na formación universitaria inicial (licenciaturas e diplomaturas e, agora, graos) desde o curso 2003-2004, o que nos permite ofrecer unha panorámica da evolución destas titulacións ao longo destes dezaseis cursos académicos bastante razoable. A información baséase  nas planificacións docentes dos departamentos, que se trasladan á aplicación de xestión académica XesCampus e logo se reflicten como datos públicos nas páxinas web das diversas titulacións, nas informacións relativas a cada materia e a cada grupo: profesorado, horario, contidos, programas, competencias, bibliografía, idiomas... Dende o curso 2009-2010, en que se implantaron os primeiros máster adaptados ao EEES, tamén contamos con datos sobre os usos lingüísticos deste tipo de titulacións superiores.

Os datos semellan fiables, grazas ás precaucións que se foron adoptando e que impiden que, por exemplo, se escolla unha lingua non oficial da USC na aplicación XesCampus se non está autorizada oficialmente a impartición da materia nese idioma. Por suposto, na introdución de información pode haber erros máis ou menos involuntarios, que explican algúns datos rechamantes pero que non mudan as grandes tendencias; pensemos que as porcentaxes están calculadas sobre as máis de 482 mil horas de docencia que se imparten na USC.





Mércores, 30 de xaneiro de 2019