Novas recentes

Explícoche Matemáticas 2.0 e van oito!

Explícoche Matemáticas 2.0 é un concurso, que xa vai pola súa oitava edición, cuxo obxectivo é promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais.

O obxecto de Explícoche Matemáticas 2.0 son vídeos nos que se aborde un tema relacionado coas matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou ben, cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade. Os vídeos deben ter unha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos e vehicularse en galego. E poderán utilizar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico.

Pode participar o alumnado das universidades públicas de todo o Estado español de todas as titulacións de grao, mestrado e doutoramento, así como alumnado de 3º e 4º da ESO e de bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes en grupos cun máximo de tres estudantes dirixidos por un profesor ou profesora.

O prazo para presentar os vídeos remata o 22 de marzo de 2019, para o cal os concursantes deberán subilo a unha canle de Youtube e achegar o URL do vídeo, os datos de contacto, informe e autorizacións a <zmatdeca@usc.es> ou ao enderezo físico do Decanato da Facultade de Matemáticas.

Hai catro premios. Un para a categoría A (alumnado da ESO e de bacharelato) e dous para a categoría B (graos, por unha banda, e mestrado e doutoramento pola outra), dotados con 200 euros cada un. E un cuarto premio de 100 euros para o vídeo mellor valorado polos internautas.

Como novidade, esta edición contará co apoio dun pequeno curso de catro horas co obxectivo de ofrecerlle ao alumnado que queira participar no concurso  formación para que sexa quen de gravar e editar vídeos de calidade co móbil. Este obradoiro celebrarase o 21 de febreiro a partir das 16 h en Matemáticas e será necesario inscribirse previamente no enderezo <zmatdeca@usc.es>.

Algúns dos vídeos gañadores noutras edicións poden reproducise na canle de Youtube da Facultade.

Explícoche Matemáticas 2.0 conta co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade e convócao Facultade de Matemáticas, a través da súa Comisión de Normalización Lingüística.

pantalla_explicochematematicas_2019

 

Mércores, 30 de xaneiro de 2019