Novas recentes

Comeza a funcionar a nova CNL do Claustro

O pasado día 8 de xaneiro constituíuse a Comisión de Normalización Lingüística do novo Claustro universitario, que xa comezou os seus traballos. A elaboración dun novo plan de normalización lingüística para os vindeiros anos será a súa principal tarefa.

Precisamente o inicio deste traballo marcou a axenda da reunión do día 24 de xaneiro. Os seus membros farán unha avaliación do cumprimento do plan de normalización anterior e dos logros conseguidos, e estudarán as conclusións da Xornada “As linguas e a USC” sobre a política lingüística para a docencia universitaria, así como o estudo Investigación e lingua, da profesora Alba Nogueira, por encarga da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística. Todo isto como base previa á redacción do novo plan, que terá un horizonte temporal de execución limitado ao actual mandato. A CNL pretende presentar o novo plan para a súa aprobación no Claustro de finais deste mesmo ano.

Ademais, tamén se realizou unha revisión das actuacións previstas en materia de normalización lingüística na Programación Plurianual aprobada no Claustro de decembro.

A CNL do Claustro é unha das comisións establecidas no Regulamento do réxime interno deste órgano de máxima representación, concretamente no seu artigo 38. Está formada por nove representantes das diversas categorías do PDI, tres membros do alumnado e un do PAS, presididos polo vicerreitor que ten delegadas do reitor as competencias en política lingüística, Gumersindo Feijoo –vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica- e coa secretaría do director do Servizo de Normalización Lingüística.

MARÍA ISABEL VAQUERO QUINTELA

Mércores, 30 de xaneiro de 2019