Novas recentes

As linguas e a USC: reflexionamos?

Estarías disposto/a a matricularte na USC nun grao que se impartise en inglés? Graduaraste con competencias lingüísticas abondas e diversas para o teu futuro profesional? Tiveches algún problema por impartires a túa docencia nalgún idioma en particular? A presenza dalgún compañeiro ou compañeira de fóra, altera o uso habitual das linguas? Destas e doutras cuestións que interrelacionan linguas, docencia e universidade, hase falar en “As linguas e a USC” o vindeiro 26 de novembro.

Impulsar o proceso de normalización da lingua galega en todos os ámbitos da nosa universidade é un mandato dos Estatutos da USC. Promover a dimensión europea do ensino universitario e a empregabilidade, outro, que deriva da integración no EEES. Xa que logo, a USC debe satisfacer varios obxectivos lingüísticos:

  • Incrementar o uso do galego, nomeadamente na docencia universitaria, nun contexto sociolingüístico cada vez máis indiferente ou mesmo adverso.
  • Incrementar a mobilidade estudantil e ampliar a variedade de procedencias, o que implica contar nas aulas con alumnado de competencias diversas en castelán e pouca ou ningunha en lingua galega.
  • Fornecer unha maior oferta de aprendizaxe de linguas, integrada nos currículos académicos –materias de linguas- ou mediante a impartición de materias en linguas estranxeiras.

Malia semellaren contraditorios, estes obxectivos poden –e deben– formar parte de xeito harmónico e coherente da política lingüística da USC. Co obxectivo é contribuír na actualización, de xeito consensuado e participativo, do modelo lingüístico para a USC que oriente a súa política lingüística con carácter estratéxico nos vindeiros dez anos, o vindeiro luns 26 de novembro celebrarase na Sala de Debates do CIEDUS (Centro Internacional de Estudos de Doutoramento da USC, na Casa da Europa) unha xornada para reflexionar sobre o estatus e as funcións das linguas na Universidade.

A xornada artéllase nunha serie de exposicións do estado da cuestión dos diversos contidos, seguidas de intervencións de responsables políticos e técnicos seleccionados e posteriores parladoiros abertos.

Deste xeito, coñecerase cales son os usos lingüísticos actuais na docencia, analizarase os resultados do alumnado en canto ás competencias lingüísticas en función das diversas solucións que foron adoptando os graos e os mestrados; reflexionarase sobre as diferentes consecuencias da chegada de alumnado estranxeiro ás aulas e sobre a definición da mobilidade que máis lle interesa á USC. E avaliarase os mecanismos de promoción do PDI en relación ás linguas.

Ademais, coñecerase a experiencia doutras universidades españolas á hora de abordar a promoción das súas linguas propias e as esixencias do EEES: a do País Vasco e a de Valencia.

A xornada está destinada preferentemente a persoas responsables da USC en diferentes órganos de goberno (equipo de goberno, CNL do Claustro, responsables de centros, departamentos e titulacións, coordinadores/as de mobilidade e cnl, directores/as e xefes/as de servizos universitarios involucrados (calidade, mobilidade, formación...) e representantes de PDI, alumnado e PAS.

 

Venres, 16 de novembro de 2018