Novas recentes

Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica

Coñecer a linguaxe técnica especializada en galego e castelán é unha cuestión importante para todo profesional. A universidade, a través dos plans de estudos vixentes, non garante o coñecemento abondo do tecnoleto de cada especialidade en lingua galega. Un bo exemplo disto sería o que acontece coas persoas formadas en Dereito, que deben contar cunha boa formación para poder cumprir no seu futuro profesional coas obrigas lingüísticas marcadas por lei na administración e na xustiza: atención aos dereitos lingüísticos da cidadanía e uso do galego como lingua por defecto da Administración.

Con este obradoiro preténdese que o alumnado de Dereito controle a linguaxe xurídica en galego, solucionando así dúbidas e problemas de terminoloxía, ademais de coñecer as tendencias normalizadoras e democratizadoras da estilística e da documentación xurídica. O recoñecemento destas competencias transversais compútalles 1ECTS.

Para atinxir estes obxectivos, o obradoiro desenvolverase do 21 de novembro ao 13 de decembro, durante tres días a semana, na aula 17 da Facultade de Dereito. 21, 22, 23, 28 e 29 de novembro e 12 e 13 de decembro son os días escollidos para a realización deste curso en horario de 17-20 h (mércores), 18 – 21 h (xoves) e 18 – 20 h (venres). O prazo para matricularse xa está aberto e remata o 15 de novembro de 2018. Os aspirantes, que deberan contar cun nivel Celga 4 ou equivalente, seleccionaranse por orde de recepción de solicitudes ata completar as 25 prazas. Crearase unha lista de agarda coas solicitudes que superen o número de prazas.

O obradoiro ten unha duración de 20 horas presenciais mais 10 horas de preparación de actividade e traballos. Ás persoas asistentes que superen o curso expediráselles un diploma de asistencia e aproveitamento por 30 horas. Tamén ten recoñecido 1 crédito ECTS por competencias transversais en lingua galega, segundo a Resolución reitoral do 26 de febreiro de 2014.

lgxe xuridica estudantes 2018

Xoves, 25 de outubro de 2018