Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
Mellora a túa comunicación e mellorarás os teus resultados académicos
Tan importante como saber é saber comunicar que se sabe. Redactar con corrección os traballos académicos. Realizar un exame oral ou expoñer os resultados dun TFG. Elaborar unha presentación dixital que reflicta os nosos coñecementos e non resulte nin trapalleira nin pesada. Velaquí o curso que necesitas!
Contar con estas habilidades comunicativas e saber utilizalas no ámbito académico é algo que se pode adquirir e traballar. A USC, consciente das eivas que non poucas veces arrastra o alumnado para comunicarse con corrección no ámbito académico, así como para mellorar a calidade formal dos traballos de todo tipo que os e as estudantes deben presentar, organiza a través do Servizo de Normalización Lingüística o Curso de habilidades comunicativas.
O curso ‘Habilidades comunicativas’ é un programa organizado en tres módulos que poden cursarse de xeito independente nos que achega preparación sobre redacción académica e científica, presentacións dixitais eficientes e falar en público. Cada un dos módulos consta e 25 horas e será recoñecido con 1 crédito ECTS por competencias transversais (lingua galega) para todas as titulacións. Desenvolverase ao longo do primeiro trimestre do vindeiro curso tanto no Campus de Santiago como no de Lugo.
Para o aproveitamento do curso recoméndase posuír unha competencia en lingua galega equivalente ao nivel Celga 4 dado que o galego será a lingua instrumental do profesorado e do alumnado dos módulos.
As persoas interesadas poden atopar máis información, contidos, data e horarios no web do Servizo de Normalización Lingüística. A matrícula xa poderá comezar a realizar canda a matrícula do curso 2018-2019, é dicir, dende o día 2 de xullo para o alumnado da USC que continúe os seus estudos.
Redacción científica
O obxectivo deste módulo é mellorar a competencia escrita, diríxese sobre todo ás persoas que se atopan no proceso de redacción de traballos académicos de curso, traballos de fin de grao, traballos de fin de máster, proxectos de fin de carreira, artigos ou teses de doutoramento.
Abordaranse cuestións relacionadas coa estrutura e deseño dos traballos, así como contidos lingüístico-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, uso de modelos, automatización de tarefas) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) relacionadas coa elaboración dos traballos.
Presentación dixitais
As presentacións dixitais son unha ferramenta cada vez máis frecuente na vida do alumnado. Demasiado texto con letra moi pequena, cores que non se ven ou transicións efectistas de máis son algunhas das características de moitas das presentacións... non só nas aulas universitarias, que adoitan culminar coa súa pesada lectura íntegra por parte da persoa expoñente.
O obxectivo deste módulo é que o alumnado universitario saiba onde están as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado: comunicar mellor.
Como estruturar e deseñar as presentacións, como redactar para este novo medio e como falar co apoio das presentacións pero sen lelas, serán os contidos fundamentais deste módulo.
Falar en público
A exposición oral dun traballo académico, un exame oral, a defensa de TFG, PFC, TFM ou teses... en xeral, a exposición dun relatorio ou a presentación dun proxecto adoita ser o que máis preocupación e nervios lle provoca ao alumnado, que non sente seguridade e comodidade á hora de se expresar verbalmente. Trátase de tarefas que esixen non só un nivel axeitado de coñecementos significativos, senón de que teña desenvolvidas as habilidades relacionadas coa comunicación oral.
A importancia da preparación previa da intervención, aprender a controlar a linguaxe non verbal, como modular a voz e como desenvolver argumentos e responder con eficacia serán os contidos máis sobranceiros deste módulo.
Mércores, 27 de xuño de 2018