Novas recentes

Aínda podes participar en varios concursos!

Agora que remataches ou estás a piques de rematar o curso, tes máis tempo para para pensar en participar nalgún destes concursos que aínda teñen o prazo de presentación de propostas aberto. Dende o traballo académico ata as túas afeccións ou preocupacións poden fornecerche substanciosos premios de ata 1200 euros!

 

Se tes un traballo en galego, Premios á calidade lingüística

Os Premios á calidade lingüística chegan á súa décimo cuarta edición neste curso académico 2017-2018. Concédense cinco premios á calidade, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades, o que fai un total de 15 premios:

•    Traballos académicos de curso: un premio de 150 euros por cada unha das cinco grandes áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades).
•    TFG e PFC: un premio de 300 euros por cada unha das grandes áreas de coñecemento.
•    TFM: un premio de 400 euros por cada unha das grandes áreas de coñecemento.

En todos os casos, os gañadores e gañadoras reciben ademais un diploma para o seu curriculum.

Todo o alumnado da USC que elabore os seus traballos en galego e obteña cando menos a cualificación de aprobado poderá optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O prazo para presentarse aos XIV Premios á calidade lingüística remata o 31 de xullo, no caso dos traballos académicos de curso, e o 2 de outubro no caso de TFG, PFC e TFM. Para optar aos premios só cómpre presentar unha copia en papel e outra dixital do traballo, unha vez que estea aprobado, xunto cos datos que se solicitan, nos rexistros da USC.

A presentación axeitada dun traballo ou documento, dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega.

Se escribes, IV Concurso literario Mazarelos

Todo o alumnado da USC, sexa cal for a titulación que curse, pode participar no concurso literario "Mazarelos" cunha obra de calquera xénero literario e calquera tema, orixinal e escrito en lingua galega. Establécense tres premios de 500, 250 e 150 euros mais diploma. O prazo para a presentación de orixinais remata o 28 de setembro de 2018.

Este certame, que organiza por cuarta vez a CNL da Facultade de Filoloxía, responde á tradición do centro para descubrir talentos literarios na nosa universidade que se unan á importante lista de figuras literarias que estudaron nas aulas da nosa Universidade: Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Chus Pato, Suso de Toro, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Antón Riveiro Coello...

O Concurso Literario "Mazarelos" conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Se queres reflectir a realidade galega: VII «Somos a curta!»

Se es estudante dalgunha das universidades galegas, do ciclo de Imaxe e Son, ou de bacharelato artístico neste ano 2018, podes participar no VII «Somos a curta!».

Nesta edición o certame fai unha viraxe temática: as pezas que se presenten ao concurso deben responder ao concepto “cinema do real”. O xurado, composto por membros da comunidade universitaria, valorará a calidade da lingua, a orixinalidade, o tratamento do tema e a profundidade da análise socio-política, así como a calidade formal das pezas.

Para participar debes achegar tres dvd coa peza e mais os datos correspondentes á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC ata o 11 de outubro de 2018.

O mércores 31 de outubro as curtas presentadas exhibiranse nunha gala na propia Facultade, na que o xurado outorgará dous premios de 500 e 250 euros, e o público elixirá que fita leva o seu premio, galardoado con diploma honorífico.

A CNL de Ciencias da Comunicación organiza este certame cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos e artísticos dos estudantes galegos e promover a análise da realidade galega a través do audiovisual.

Se tes unha idea ou unha iniciativa normalizadora: XV Premios “Luísa Villalta” 

Ata o 25 de outubro de 2018 podes participar nos XV Premios "Luísa Villalta" a iniciativas normalizadoras, presentando unha campaña normalizadora ou unha idea para a promoción do galego. Debes ser membro (estudantes, docentes, PAS) de calquera das tres universidades galegas, ben a título individual, ben en equipo (como comisións de normalización, organización estudantil, etc.).

Se tes unha boa idea para o galego na Universidade, só tes que entregar un informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social.

Se optas por argallar unha campaña para fomenta do uso do galego no ámbito universitario, debes presentala de xeito que conte cunha diagnose previa e os elementos habituais dunha acción planificada: obxectivos, destinatarios/as, metodoloxía, actividades, temporalización, recursos e avaliación. A campaña pode ser para un centro en concreto ou ben para o conxunto das tres universidades galegas.

As dúas opcións, campañas e ideas, contan con cadanseus premios de 800 e 1200 euros. Trátase dun concurso organizado polos servizos de normalización das tres universidades galegas en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.


Mércores, 27 de xuño de 2018