Novas recentes

O PDI de Lugo mellora o seu discurso oral

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias de Lugo, xunto co Programa de Formación e Innovación Docente (PFID) e o SNL, organizaron o obradoiro, que se desenvolveu no mes de xuño, “Mellora o teu discurso oral”. Con el, a CNL pretende que o profesorado que xa imparte clases en galego poida perfeccionarse no seu discurso oral e que os docentes que aínda non o fan poidan sentirse apoiados e motivados para incorporaren o galego á súa docencia.

Seguir mellorando as destrezas relacionadas coa oralidade é unha necesidade para os profesionais cuxa primeira ferramenta de traballo é a lingua, como é o caso do profesorado universitario. O obxectivo central deste obradoiro é mellorar o discurso oral en galego no nivel formal.

O discurso oral relaciónase con habilidades sociais como dominar a linguaxe non-verbal; con competencias do ámbito do discurso, como a estruturación, a adecuación, a coherencia e a cohesión, ou os diversos tipos de argumentación. E finalmente, con competencias puramente lingüísticas: vogais, consoantes características, encontros vocálicos, prosodia ou melodía; o obradoiro, neste caso, céntrase na nosa lingua.

Para iso o obradoiro foi eminentemente práctico, con moito traballo individual e en grupo, para analizar situacións comunicativas formais e profesionais, e para preparar supostos que se gravaron, visualizaron e comentaron.

O obradoiro desenvolveuse do 5 ao 13 de xuño na Facultade de Ciencias en horario de mañá. Para asistir cómpre posuír un nivel de Celga 4 en lingua galega (estudos do bacharelato en Galicia na súa totalidade cursando de maneira oficial a materia de lingua), aínda que non é preciso presentar o certificado.

Mércores, 27 de xuño de 2018