Novas recentes

Os Premios á calidade lingüística (e outras cuestións sobre o galego na USC) vistas por estudantes gañadores/as

Falamos con tres dos estudantes que mereceron os Premios á calidade lingüística sobre o propio certame e outras cuestións sobre o galego na USC. As súas respostas ás oito preguntas formuladas merecen unha lectura atenta e unha reflexión profunda.

Trátase de Alba Ben García, de 3º curso de Enfermaría, polo traballo académico Diálise peritoneal e hemodiálise; Fernando Castro Prado, do grao en Matemáticas, polo TFG Técnicas de clasificación e Katia Estalote Lago, do Mestrado de Enxeñaría Agronómica, polo TFM Control dimensional mediante correlación dixital de imaxes do ensaio de tracción paralela á fibra en madeira. As súas respostas ás oito preguntas formuladas merecen unha lectura atenta e unha reflexión profunda.

Alba Ben García Fernando  Castro Pardo Katia Estalote Lago


1 Por que vos presentastes aos Premios á calidade lingüística (PCL)?

Alba: Chegoume un correo electrónico informándome dos concursos que abría o Servizo de Normalización Lingüística e malia que a carreira que estou a cursar non ten nada que ver, sempre me gustou o mundo das letras, así que non dubidei en que debería presentarme a algún deles.  
Katia: Presenteime aos PCL por promoveren o uso do galego como lingua da comunidade universitaria deste país.
Fernando: Eu xa era consciente da existencia destes premios moito antes de comezar o TFG e, de feito, utiliceinos como aliciente extra para motivarme a escribir o traballo no meu mellor galego. Así, despois de telos en mente tanto tempo, non podía deixar de presentarme.

2 Cal credes que foi a clave para gañardes estes premios?

Alba: Ser galegofalante é un puntazo nun concurso deste tipo, mais non debemos esquecer que o galego que se fala na rúa habitualmente non é o normativo, polo que cando te sentas a redactar nesta nosa lingua debes estar ben concentrada e cun dicionario cerquiña, polo que poida xurdir.
Katia: Imaxino que a redacción e a gramática foron os principais puntos a ter en conta para gañar.
Fernando: Dado que os erros que cometemos os falantes nativos son xeralmente moi sutís, creo que o mellor sistema é reler o que se escribe con extrema suspicacia, consultando todas as dúbidas en material especializado.

3 Tivestes que facer un esforzo maior para redactar o traballo en galego?

Alba: Definitivamente, si. O traballo que presentei era unha revisión bibliográfica, para o cal me foi imposible atopar información en galego, polo que tiven que traducir todos os documentos que manexei, na súa maioría do castelán.
Katia: Para nada, no meu caso o esforzo sería facelo en castelán ou noutra lingua.
Fernando: Loxicamente, escribir un texto cotián en galego non presenta ningún problema. Porén, cando se trata de usar léxico especializado, son inevitables as dificultades, xa que o inglés «monopoliza» as revistas científicas.

4 Parécevos que os PCL axudan a aumentar o uso do galego entre o alumnado e a mellorar a actitude cara ao noso idioma?

Alba: Por suposto que si; de non ser por este concurso seguramente non presentaría ese traballo na Facultade en galego, xa que é moito máis sinxelo elaboralo en castelán.  
Katia: Na miña opinión, a pesar de que son unha axuda, penso que non é suficiente con isto para motivar ó alumnado a que fale e escriba en galego.
Fernando: Na miña opinión, os PCL fan que o alumnado teña unha maior conciencia sobre o uso do galego, invitándonos a reflexionar sobre cuestións lingüísticas que con frecuencia pasamos por alto. Sen dúbida, isto é algo moi positivo.

5 Como soubestes dos Premios á calidade? Que se pode facer para dalos a coñecer mellor?

Alba: Por un correo electrónico recibido na miña conta da USC. Penso que se debería comezar por dar máis a coñecer o Servizo de Normalización Lingüística, pois sei de moitos estudantes que non saben da súa existencia na nosa universidade.
Katia: Souben dos premios mediante as redes sociais cando se publicaron. Podería publicitarse máis por parte dos docentes da universidade, animando aos alumnos a facer os TFM, TFG e traballos académicos en galego.
Fernando: Descubrinos por unha nova no Xornal da USC cando estaba en primeiro. Paréceme que moitos compañeiros non son conscientes deles, especialmente da modalidade para traballos académicos. Creo que pouco máis pode facer o SNL por promocionar esta iniciativa. Pola contra, chámame moito a atención non ter visto nunca un só profesor falar deles, nin sequera durante as áridas xornadas de presentación de materias ao comezo do cuadrimestre.

6 A media no uso do galego na docencia da USC apenas chega á cuarta parte das horas de clase. A que credes que se debe?

Alba: Coñezo de primeira man o caso de Enfermaría (1,71% de docencia en galego), e a razón que parece primar é que moitos dos estudantes deste grao son de fóra de Galicia, sobre todo de Asturias; por outra banda, moitos dos profesores son médicos, profesión na que o idioma esmagador na nosa comunidade é o castelán.
Katia: En primeiro lugar penso que se debe a unha depreciación xeral por parte da sociedade cara á lingua galega, o cal se pronuncia máis nas cidades. Engadido ao anterior están as políticas lingüísticas que lle fan fraco favor á nosa lingua.
Mirando os datos de usos lingüísticos docentes do Mestrado en Enxeñaría Agronómica, observo que está no grupo de titulacións con usos máis equilibrados (un 42%), malia iso está moi lonxe de ser un dato alentador, primeiro por ser baixo, segundo por seren poucos.
Fernando: Coido que, con contadas excepcións, os docentes da miña facultade ensinan no idioma que empregan habitualmente. Polo tanto, habería que preguntarse por que se fala máis castelán entre este colectivo que na poboación xeral. Posiblemente se deba a certas particularidades que teñen como grupo: son maioritariamente de idade avanzada, de clase media-alta urbana, etc. Con independencia disto, sería desexable ver profesores cun longo historial de docencia en castelán cambiar ao galego, aínda que só fose porque tomasen conciencia de que «ensinan máis do que cren». Por último, quero salientar que só o 24,49% os profesores que me deron clase durante a carreira o fixo en galego. Tendo isto en conta e co coñecemento da miña facultade, estou bastante seguro de que ese 36,02% de docencia en galego en Matemáticas non se corresponde coa realidade; se cadra unha parte do corpo docente declara impartir clase en galego e logo non o pon en práctica.

7 Se o alumnado recibise máis clases en galego, usaríao máis?

Alba: Na miña carreira son moi escasas as horas de clase que recibimos en galego e aínda así, a maioría, entre nós, falamos en galego. Pero si que creo que o papel da lingua empregada nas aulas ten un papel moi importante no futuro do noso idioma.
Katia: Non son quen de predicir se o usaría máis, pero dende logo sería unha medida máis favorecedora ca destrutora. Eu dende aquí animo aos docentes que lean isto a usaren o galego nas aulas e tamén fóra delas.
Fernando: As estatísticas que asocian a lingua en que se imparte a docencia e aquela na que se responden os exames evidencian a grandísima influencia dos profesores nos usos lingüísticos dos alumnos, fenómeno que tamén corrobora a miña experiencia. É verdadeiramente triste ver como hai rapaces de primeiro que chegan falando galego e aos poucos días abandónano a causa do ambiente que se respira nas súas facultades. Algúns deles recuperan a súa identidade tras algúns meses ou anos, pero outros pérdena para sempre. É claro que a inercia xerada por unha docencia maioritariamente en castelán se atopa entre as causas máis relevantes.

8 Por último, ademais dos PCL, que outras medidas poderían aumentar o uso do galego na USC? Onde credes que está a chave?

Alba: Comezar por concienciar aos mestres, porque semella que se eles che falan en castelán, sendo eles galegos, ti por educación e malia ser galegofalante lles debes responder en castelán… A tradución e venda de libros de texto en galego penso que tamén é unha parte ben importante.
Katia: Medidas interesantes serían promover máis cultura en galego dirixida á xente nova (concertos, teatro, cine, libros, series, etc.) e utilizar a meirande parte do material de aula en galego (presentacións, libros, temas, investigacións, etc.).
Fernando: Resulta sorprendente que, na mesma universidade na que a administración é monolingüe en galego, se dean os usos lingüísticos na docencia xa comentados. Para solucionalo, podería esixirse que todos os departamentos impartisen un mínimo dun 50% das súas horas de docencia en cada titulación en galego. Iso si, son consciente de que os órganos con vontade real de cambiar o statu quo adoitan ter unicamente capacidade para suxerir medidas facultativas, mentres que os que realmente ostentan o poder a miúdo non se implican todo o debido á hora de levar á práctica tales propostas.

 

Luns, 30 de abril de 2018