Novas recentes

A sétima edición de Somos a curta! oriéntase agora ao cinema do real

Logo de seis convocatorias premiando o humor na nosa lingua, a Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación decidiu darlle un xiro á orientación do certame Somos a curta! e enfocalo cara ao cinema do real, aínda que a intención de promover o noso idioma no audiovisual, un eido clave para a sociedade, segue sendo a cerna do concurso. Por algo o organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Deste xeito, as fitas que se presenten ao Somos a curta! non pode sobardar os 10 minutos e serán rodadas en galego, como ata agora, mais desta volta xirarán tematicamente arredor da propia realidade social galega. Pode participar o alumnado das tres universidades galegas e o estudantado do bacharelato artístico e das diferentes escolas de Imaxe e Son de Galicia. O prazo para presentaren as súas pezas audiovisuais está aberto ata o día 11 de outubro.

O VII Somos a curta! da Facultade de Ciencias da Comunicación está dotado con dous galardóns de 500 e 250€, respectivamente, para os dous proxectos mellor valorados polo xurado. Ademais, tamén se fará entrega dun premio á curta que acade unha maior acollida entre o público asistente á gala que terá lugar o mércores 31 de outubro ás 20:00 h no Salón de Actos do centro, na cal se visualizarán as curtas presentadas e mediante voto electrónico secreto se elixe o Premio do Público, dotado con diploma.

Na web do Servizo de Normalización Lingüística da USC está dispoñible toda a información e as bases sobre o concurso.  Tamén se poden seguir as novidades de Somos a curta! no facebook da CNL de Ciencias da Comunicación.

Desde ambos os puntos pódese acceder á información sobre as edicións anteriores e visualizar as curtas gañadoras en pasadas edicións, dedicadas ao humor: Longa noite de verga (2011),  Chapeau, Por Couso, Familia (2012), Santiago de Compostela 2014 e Loita de clases (2013), Laranxa e media, Quérote tal e como son (2015),  Non é país para mocosos, 1000 maneiras de espichala e Nada peor (2016), Entropía e A conferencia (2017).

Luns, 30 de abril de 2018