Novas recentes

As iniciativas normalizadoras teñen premio dende hai quince anos

Se tes unha boa idea para impulsar o galego ou se se che acorda unha campaña ou programa ben planificado, podes concursar no XV Luísa Villalta e gañar ata 1.200 euros!

Os Premios «Luísa Villalta», que chegan desta volta á súa décimoquinta edición, convócanse cos obxectivos de desenvolver iniciativas innovadoras relacionadas coa planificación e a normalización lingüística; promover a reflexión e a implicación da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua e aproveitar as potencialidades técnicas e científicas e os recursos humanos existentes nas tres universidades galegas, cuxos servizos de normalización lingüística organizan o evento xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Para concursar pódese optar por argallar unha proposta de campaña que desenvolva unha iniciativa orixinal de fomento do uso do galego no ámbito universitario. Como tal campaña, deberá contar cunha diagnose previa e os elementos habituais dunha acción planificada: obxectivos, destinatarios/as, metodoloxía, actividades, temporalización, recursos e avaliación. Esta modalidade está dotada cun galardón de 1.200 euros.

Tamén poderán optar as persoas que concursen por presentaren unha boa idea para o galego na Universidade, sen planificar o seu desenvolvemento. Esta modalidade está dotada cun premio de 800 euros. Cómpre entregar un informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social.

Calquera membro das tres universidades (estudantes, docentes, PAS)  poden presentar as súas propostas, ben de xeito individual, ben en grupo, antes das 14 horas do día 25 de outubro de 2018 no Rexistro Xeral de calquera das tres universidades. No web do SNL da UdC podes informarte polo miúdo das características e das bases do concurso, así como consultar os traballos premiados anteriormente.

luisavillaltaazul

Luns, 30 de abril de 2018