Novas recentes

Bota a andar a colección “Vídeos didácticos USC”

A luz é unha onda ou un corpúsculo? Como funciona a Lei d’Hont? Cal é o camiño máis curto para ir de Los Ángeles á Meca? Son perigosos os pesticidas? Estes son algúns temas dos doce dos vídeos con que bota a andar a Colección “Vídeos Didácticos USC”, unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística da universidade compostelá, que pretende ofrecer pezas audiovisuais útiles para a docencia e a divulgación científica na nosa lingua, aproveitando o saber e o talento do profesorado da USC, que lle achega á colección rigor e aval científico.

Hai vídeos de apoio directo á docencia, como a explicación de técnica de laboratorio para conseguir un cultivo puro de bacterias (unha práctica de laboratorio importantísima nos graos de ciencias), e tamén hai os que buscan espallar o coñecemento alén das aulas universitarias para achegarse a calquera persoa interesada nos temas tratados. Sexan o seu destino estudantes universitarios, sexa unha persoa calquera, terán a sorte de atopar un produto con rigor científico e en lingua galega.

Pódese acceder aos vídeos a través da páxina web do Servizo de Normalización Lingüística, premendo nas imaxes dos vídeos, e tamén directamente a través da canle de Youtube do SNL, onde tamén se pode chegar a outras listas de reprodución como as dos vídeos de TED Saúde en galego ou a campañas de normalización lingüística.

A colección seguirá medrando, tanto con outros vídeos que xa se están producindo, como con outros novos que están en fase de planificación ou aínda son unha idea. Trátase dunha iniciativa aberta a todas as áreas de coñecemento. Todos eles terán unha duración media de entre 8 e 10 minutos.

Logo-2

Luns, 26 de marzo de 2018