Novas recentes

Divulgar matemáticas con vídeos en galego

A Facultade de Matemáticas da USC destaca non só polas súas posicións nos rankings de investigación na materia, senón tamén pola calidade da súa docencia, polos seus esforzos por descubrir talentos matemáticos entre a rapazada (velaí o programa Stalmat) e por tentar achegar esta disciplina, con fama de difícil, á xente. Aí encádranse actividades como Habelas, hainas: queremos contarchas, en que investigadoras/es novos explican en directo e informalmente as súas pesquisas a un público diverso pero fundamentalmente universitario, ou Explícoche matemáticas 2.0.

Explícoche Matemáticas 2.0 é un concurso dirixido ao alumnado de grao ou mestrado de todas as universidades públicas e a estudantes de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes, coordinados por un profesor/a. Por unha banda, tenta popularizar entre o público en xeral conceptos matemáticos básicos utilizando as novas tecnoloxías e, por outra,  fomentar a reflexión  e a creatividade do alumnado para trasladar eses conceptos ao formato vídeo, mediante curtametraxes de entre 1:30 e 2:30 minutos de duración e facelo na nosa lingua.

Para concursar en Explícoche Matemáticas 2.0, os participantes deberán presentar un vídeo de, como máximo, dous minutos e medio de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou ben cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade. A condición indispensable é que a lingua empregada debe ser o galego. Entre as seis edicións pasadas o certame xa conta cunha canle propia con 52 vídeos sobre todo tipo de conceptos matemáticos: a divina proporción, as progresións xeométricas, as xeodésicas, a sucesión de Finabocci, os fractais...

Os proxectos poderán presentarse ata o 20 de abril de 2018 (ampliouse  o prazo), para o cal os concursantes deberán subir a unha canle de Youtube o vídeo confeccionado e subministrar unha ligazón válida para ver a curtametraxe e un informe sobre o traballo e os datos persoais.

O concurso Explícoche Matemáticas 2.0, organizado pola Facultade de Matemáticas coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da USC, outorga un total de catro premios: Un para a categoría A (alumnado da ESO e de bacharelato) e dous para a categoría B (graos, por unha banda, e mestrado e doutoramento pola outra), dotados con 200 euros cada un. E un cuarto premio de 100 euros para o premio mellor valorado polos internautas.  


web_explicochematematicas_2018

Domingo, 25 de marzo de 2018