Novas recentes

En que linguas ensina a USC?

Nas descricións das titulacións da USC o normal é que, a respecto das linguas de docencia figuren castelán e galego, e máis raramente outras linguas. Mais, en que proporcións?

A análise dos usos lingüísticos docentes neste curso 2017-2018 permite comprobar que a USC transmite en castelán tres de cada catro horas de clase e en galego, pouco máis dunha hora de cada cinco. E outras linguas, incluído o inglés, apenas teñen unha presenza significativa nas 479.604,57 horas docentes deste curso 2017-2018 na USC, con só o 1,95% delas.



As titulacións de mestrado (47.100,49 horas docentes) son as máis achegadas a un modelo bilingüe castelán-galego (61,87% e 35,89%, respectivamente), mentres que as titulacións de grao, as de maior peso docente (430.854,08 horas) reducen o uso do galego ata o 19,75%, ben lonxe do 76,56% do castelán.



Os idiomas nos graos


Debullando os datos lingüísticos dos graos, vese que soamente tres carecen por completo de docencia en galego: Lingua e Literatura Inglesa (100% en inglés), Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, que en realidade está en proceso de extinguirse, e Relacións Laborais de Lugo.

Nove dos graos non chegan nin ao 10%, maioritariamente de Ciencias da Saúde: Medicina, Enfermaría (de Lugo e Santiago), Odontoloxía, Farmacia e Nutrición, ademais dos graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos (Santiago), Lingua e Literatura Españolas (Lugo) e Xestión de PEMES. Cómpre salientar que a área de Ciencias da Saúde (que inclúe tamén Psicoloxía, Óptica e Veterinaria) ten un peso cuantitativo moi grande no POD (45% do total de horas de docencia), en especial, a docencia clínica, que se imparte en Enfermaría, Medicina, Odontoloxía e Veterinaria, e que constitúe o 31% da docencia total dos graos, na cal o uso do galego é do 2,85%.

Logo dos trece graos que comunican en galego entre o 25 e o 50% da súa docencia, salientan os once graos (de 49) que responderían ao modelo bilingüe con predominio do galego que é obxectivo da nosa universidade, superando o 50% de docencia en galego. É o reino das ciencias sociais e as humanidades: Xeografía, Mestres/as de Primaria e Infantil de Santiago e Lugo, Pedagoxía, Filosofía, Educación Social, Xornalismo, Comunicación Audiovisual (87,38%) e Lingua e Literatura Galegas (100%).

O piar fundamental do galego nos graos son as materias obrigatorias; elas é nas que máis se utiliza o galego, cunha media do 12,28%. O uso descende ata o 5,04% no caso das básicas e ata o 2,43% nas optativas.

Só en quince graos utilizan outros idiomas (portugués, francés, italiano, alemán, inglés, catalán) ademais dos oficiais. O inglés é a lingua vehicular absoluta en Lingua e Literatura Inglesa; detrás deste grao veñan as titulacións de Lingua e Literatura Española de Lugo (18,44%), Ciencias da Cultura (7,45%), as de Mestre/a (entre 3,87% e 3,21%), por contaren con materias de idiomas. En Xestión de PEMES, Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Dereito e Odontoloxía existen materias que entran dentro do concepto “idioma técnico” e que se imparten en inglés. Veterinaria, Química e Física usan o inglés en grupos soltos de varias materias e diversas tipoloxías (clases expositivas, laboratorio, seminario, titorías...). Física só en materia obrigatoria, Química en básicas, obrigatorias e optativas.

Enxeñaría Química (9,62%) é a única titulación de grao da USC que ofrece a posibilidade de cursar materias básicas e obrigatorias en inglés, ao desdobrar grupos neste idioma e en galego e/ou castelán, ademais de contar cunha materia obrigatoria de Inglés Técnico.

Os idiomas nos mestrados

As titulacións de mestrado (41.853,86 horas docentes) son as máis achegadas ao equilibrio castelán-galego (57,24% e 40,23%, respectivamente). Con todo, para interpretar o favorable dato para o galego nos mestrados cómpre ter en conta o importante peso en horas docentes dos de Formación do Profesorado de ESO, bacharelato, FP e linguas estranxeiras (máis de 6000 horas) no conxunto dos 67 cursos de mestrado analizados, cando o seu uso do galego alcanza o 62,99% e 71,06% (Lugo e Santiago, respectivamente).

Ao debullarmos os datos lingüísticos dos másteres da USC comprobamos que once carecen de aulas en galego e calquera outro idioma que non sexa o español, agás o de Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións, que se imparte ao 100% en inglés.

No outro extremo, os 36 másteres superan o 25% da docencia en galego (vinte dos cales usan o galego en máis do 50%), á cabeza dos cales se sitúa o Máster Universitario en Xornalismo e Comunicación: Novas Tendencias.

Sorprende que mestrados como Bioloxía Mariña, Saúde Pública, Xerontoloxía dependentes de departamentos de Bioloxía, Medicina e Farmacia, cun uso do galego tan escaso nos seus graos, cheguen ao 25,69% 62,13% e 44,62% respectivamente.

Non acaba de arrincar nos mestrados o uso doutras linguas. O inglés utilízase no 2,04% da docencia, en só cinco dos 70 máster que se imparten este curso: Estudos Ingleses, Enxeñaría Química e Bioprocesos, Turismo e os dous máster de profesorado de Santiago e Lugo. Outros idiomas só se utilizan nos mestrados de Lexicografía e de Estudos Medievais Europeos.

Os idiomas nas titulacións de 1º e 2º ciclo

As licenciaturas e diplomaturas están a extinguirse logo do proceso de implantación dos graos, polo que soamente se dispensan 1.650 horas na docencia xa parcial da diplomatura en Criminoloxía. Daquela, os datos xa non son representativos.

(Pódese consultar todos os datos no web do SNL)







 

 

Mércores, 28 de febreiro de 2018