Novas recentes

Mostra @ youtubeir@ que levas dentro!

Máis premios, máis categorías e máis facilidades para concursar... Youtubeir@s chega á súa segunda edición e poncho aínda máis doado! Se sabes explicar como cambiar a roda dun coche, o principio de incerteza de Heisenberg ou como coser un botón; se tes unha opinión para todo ou unha ben fundada sobre algún asunto... grava un vídeo -imprescindible facelo en galego!- e participa na segunda edición de Youtubeir@s!

A segunda edición do premio Youtubeir@s, dirixido a todas as persoas maiores de 14 anos, segue fiel ao seu obxectivo: incrementar a presenza do galego nos vídeos de Youtube, a rede social de vídeos máis grande do mercado global. As persoas interesadas en participar poden presentar vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego e subidos a Youtube dun xeito independente ou nunha canle.

Para participar cómpre inscribirse ata o 15 de marzo de 2018. As pezas participantes non poden superar os 5 minutos e teñen que estar publicadas sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios repartidos nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao pasado ano. Así, a convocatoria contempla os apartados de vídeos-facermos, vídeos-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica ou calidade lingüística.

O xurado estará composto por cinco persoas relacionadas co audiovisual, cos contidos dixitais e co traballo en normalización da lingua, e valorará as pezas segundo os seguintes criterios: Enxeño e creatividade, calidade técnica da peza tanto visual como sonora, eficiencia comunicativa e calidade lingüística.

Outra das novidades desta convocatoria será o apartado ‘Premio do público’. As persoas usuarias da rede social Facebook poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo cancelo #propostayoutubeira. As pezas propostas han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo –opinarmos. As bases ao completo pódense consultar no web de youtubeir@s e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no que o xurado dará coñecer os vídeos gañadores.

Youtubeir@s nace co obxectivo de conseguir que haxa máis contidos en Internet en galego, e máis concretamente que cando busquemos vídeos titoriais para aprender a facer algo ou de polémica, para formármonos unha opinión sobre un asunto, tamén poidamos atopar vídeos na nosa lingua. Youtube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, con máis de mil millóns de usuarias e usuarios. O noso idioma é utilizado con normalidade nas redes máis persoais, como Facebook, Twitter, Instagram, etc. así como en blogues. Porén, xa rarean máis en vídeos como os de Youtube, se cadra polo pudor que adoita causar gravarse neste formato e publicarse -menor nas novas xeracións-, ou se cadra porque coidamos que é máis complicado dende o punto de vista técnico.

Trátase dunha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, da Deputación da Coruña e das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Luns, 18 de decembro de 2017