Novas recentes

#TEDSaúde: Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego

Seguro que viches algunha vez un vídeo de TED (do inglés, Technology, Entertainment, Design), que é unha organización sen ánimo de lucro dedicada ás "Ideas dignas de difundir". TED é amplamente coñecida polo seu congreso anual (TED Conference) e as súas charlas TED Talks, que cobren un amplo espectro de temas que inclúen ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento e lecer. Desde xuño de 2006, as máis de 1.000 charlas TED están dispoñibles en liña no sitio web de TED (tamén en YouTube e en iTunes) e é posible subtitulalas en diferentes idiomas.

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia, consciente da escaseza de contidos divulgativos relacionados coas ciencias da saúde en galego, propuxo un concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego, para motivar, entre outros destinatarios, ao alumnado e ao profesorado do centro para contribuír a crear eses contidos. E semella que a iniciativa ten éxito, porque en só dous anos conseguiuse que 51 vídeos TED desta área poidan ter unha versión subtitulada en galego e de calidade, co que, en total, xa son máis de 200 os vídeos TED con subtítulos na nosa lingua.

O concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego presenta dúas modalidades, segundo os destinatarios.

Modalidade A: Membros da comunidade universitaria da USC non pertencentes á comunidade TED

Se non tes experiencia na subtitulación de vídeos TED ao galego, debes inscribirte ata o 2 de marzo nun obradoiro de catro horas –gratuíto-, para aprender como funciona a plataforma de tradución e subtitulación e previrte sobre os erros máis frecuentes da tradución inglés-galego. Será o mércores 7 de marzo de 16 a 20 h na Aula Informática 3 da Facultade de Bioloxía. Hai 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición, con lista de agarda.

Despois dispós ata o 7 de abril para realizares a tradución e subtitulación dun vídeo TED relacionado coas ciencias da saúde segundo as instrucións que se che fornecerán. Un xurado decidirá cal é, dos vídeos presentados, o de maior calidade, o cal recibirá un premio de 250€ e un diploma honorífico.

Todas as persoas que participen recibirán un diploma da USC de asistencia á actividade por catro horas así como unha constancia da experiencia de tradución e subtitulación.

No web do Servizo de Normalización Lingüística dispós de toda a información, as bases e a inscrición no concurso-obradoiro.

Modalidade B: Membros da comunidade TED

Calquera persoa que sexa membro da comunidade TED poderá participar neste concurso, para o cal deberá inscribirse enviando un correo electrónico a <snl.concurso.subtitulacion@usc.es> ata o 2 de marzo de 2018, cos seus datos (nome, dni, enderezo postal).

Dispoñerá ata o 7 de abril para realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se che fornecerán por correo electrónico.

Un xurado decidirá cal é, dos vídeos presentados, o de maior calidade, o cal recibirá un premio de 150€ e un diploma honorífico.

Martes, 27 de febreiro de 2018