Novas recentes

Linguas de perfil

Linguas de perfil é un espazo de mini-entrevistas que visibilizan o compromiso do profesorado do Campus Terra co uso do galego na docencia, na divulgación e/ou na investigación. O galego forma parte do perfil de Margarita Rico Gómez, Augusto de Castro Lorenzo, Teresa Rodríguez López, Paula Vázquez Rodríguez, Javier Lopez González.

En novembro de 2017 Proxéctate conmemorou un ano máis o Día da Ciencia en Galego, e os seus integrantes reflexionaron que se hai ciencia en galego é porque existen científicos e científicas "en galego": mulleres e homes que o empregan no seu día a día docente, divulgador e —por veces— investigador.

Di o dicionario da Academia Galega que “perfil” é o conxunto de trazos ou datos que caracterizan ou definen algo ou a alguén. Tamén di que “de perfil” se refire á maneira que se ve só o lado dunha persoa ou cousa. 

Dende o Proxéctate pensaron en visibilizar o perfil das mulleres e homes que garanten que exista a nosa lingua na docencia da USC. Por unha banda, ofrecendo un conxunto de datos que poden caracterizalos e que abranguen dende a docencia que imparten ata os seus lugares, libros e películas favoritos, e que cadaquén resume nun pequeno autorretrato.  Por outra banda, centrando o interese no lado lingüístico de profesores ou profesoras que empregan o galego en departamentos ou áreas do Campus onde este é moi minoritario, que promoven un contorno favorable e que demostran en positivo a posibilidade de vivir en galego nos centros da USC.

Dende o seu inicio, no mes de novembro, fóronse publicando unha entrevista semanal, polo que é posible coñecermos mellor a Margarita Rico Gómez (Dpto. de Anatomía, Produción Animal e CC. Clínicas Veterinarias), Augusto de Castro Lorenzo e Teresa Rodríguez López (ambos do Dpto. de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física), a Paula Vázquez Rodríguez (Dpto. de Organización de Empresas e Comercialización e a Javier López González (Dpto. de Enxeñaría Agroforestal) e tamén as súas razóns para faceren do galego parte do seu perfil.

Luns, 18 de decembro de 2017