Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
As comisións de normalización propoñerán para 2018...
Como todos os anos, o Servizo de Normalización Lingüística da USC convida ás comisións de normalización lingüística dos centros a lle presentaren propostas de actuacións para desenvolver ao longo do vindeiro ano 2018.
O obxectivo desta invitación é estimular a planificación e execución de actividades de formación, sensibilización ou promoción lingüística a prol do galego nos centros por parte destas comisións, así como apoiar o traballo das comisións de normalización lingüística con medios económicos mais tamén apoio técnico e humano.
As propostas de actividades poderán presentalas as comisións ata o 22 de decembro; o SNL escolleraas e valoraraas cos seguintes criterios:
- que as actuacións respondan a unha planificación do centro
- o impacto das actuacións en relación coa súa organización e medios necesarios
- a responsabilidade demostrada pola CNL á hora de executar actuacións en anos anteriores
- que sexan compartidas ou se poidan partillar entre varios centros
O SNL ofrece abeirar as actuacións seleccionadas no seu orzamento de normalización lingüística ou axudar a buscar outras vías de financiamento. Asemade ofrece o seu apoio técnico para pensar as posibles actuacións e para poder executalas.
As comisións de normalización lingüística son comisións delegadas das xuntas de facultade que, segundo o Plan de Normalización Lingüística, son parte da organización xeral da USC en materia de política lingüística. Deben encargarse da aplicación en cada centro, segundo a realidade propia de cada un, do Plan de Normalización Lingüística; de presentar propostas á xunta de centro e aos consellos de departamento, e de canalizar suxestións á Comisión de Normalización Lingüística do Claustro. Han ser, alén diso, o ámbito directo de participación dos tres colectivos da Universidade no desenvolvemento do Plan.
Neste ano 2017 que andamos e mercé a esta colaboración leváronse a cabo as seguintes actividades:
- Bioloxía: Coloquio de novos investigadores
- Ciencias (Lugo): Escolle o galego
- Farmacia: TEDSaúde (concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde)
- CC. da Comunicación: Somos a curta!
- CC. Económicas: Premio á promoción da lingua galega no Concurso de proxectos empresariais innovadores
- CC. da Educación: X Xornada de recursos educativos en galego e Obradoiro de baile tradicional
- Escola Politécnica Superior: Camiñadas de outono (roteiros guiados polo Campus) e Encontros de xoves de lúa chea
- Filoloxía: Concurso literario Mazarelos, I Certame de música galega na USC (Coordinadora)
- Matemáticas: Matemáticas: Habelas, hainas; queremos contarchas, II Xornadas de terminoloxía matemática, Explícoche matemáticas 2.0
- Veterinaria: Escolle o galego e Premio “Proxéctate en galego” ao mellor proxecto científico de ensino medio
Arestora contan con comisión de normalización lingüística, con diversos graos de actividade, as facultades de: Facultade de Bioloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Dereito, Escola Politécnica Superior (Lugo), Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Enfermaría, Formación do Profesorado (Lugo), Farmacia, Filoloxía, Filosofía, Humanidades, Matemáticas, Psicoloxía, Veterinaria (Lugo) e Xeografía e Historia.
O labor que están a realizar as cnl resulta imprescindible para podemos falar do proceso de normalización lingüística na USC durante os últimos anos.
Mércores, 13 de decembro de 2017