Novas recentes

Mellorar as habilidades comunicativas para mellorar os resultados académicos

Estudar é moi importante, mesmo imprescindible, para obter un bo proveito da estadía na universidade. Mais resulta tamén moi conveniente saber comunicar o que se aprendeu nos traballos de clase, nas exposicións orais, nos exames e non digamos nos traballos de fin de grao, nos de fin de mestrado ou nas teses de doutoramento!

Posuír esas habilidades comunicativas e exercelas con eficiencia en ámbitos formais non é algo innato: pódese adquirir e traballar. A USC, consciente das eivas que non poucas veces arrastra o alumnado para comunicarse con corrección no ámbito académico, así como para mellorar a calidade formal dos traballos de todo tipo que os e as estudantes deben presentar, organiza a través do Servizo de Normalización Lingüística o Curso de habilidades comunicativas.

O Curso de habilidades comunicativas é un programa organizado en tres módulos que poden cursarse de xeito independente nos que achega preparación sobre:

  • redacción académica e científica
  • presentacións dixitais eficientes
  • falar en público

Cada un dos módulos consta e 25 horas e será recoñecido con 1 crédito ECTS por competencias transversais (lingua galega) para todas as titulacións. Desenvolverase ao longo do primeiro trimestre do vindeiro curso tanto no Campus de Santiago como no de Lugo.

Para o aproveitamento do curso recoméndase posuír unha competencia en lingua galega equivalente ao nivel Celga 4 dado que o galego será a lingua instrumental do profesorado e do alumnado dos módulos.

As persoas interesadas poden atopar máis información, contidos, horarios, datas de celebración e proceso de matrícula na web do Servizo de Normalización Lingüística.

Redacción académica e científica

O obxectivo deste módulo é mellorar a competencia escrita, diríxese sobre todo ás persoas que se atopan no proceso de redacción de traballos académicos de curso, traballos de fin de grao, traballos de fin de máster, proxectos de fin de carreira, artigos ou teses de doutoramento.

Abordaranse cuestións relacionadas coa estrutura e deseño dos traballos, así como contidos lingüístico-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, uso de modelos, automatización de tarefas) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) relacionadas coa elaboración dos traballos.

Presentación dixitais

As presentacións dixitais son unha ferramenta cada vez máis frecuente na vida do alumnado. Demasiado texto con letra moi pequena, cores que non se ven ou transicións efectistas de máis son algunhas das características de moitas das presentacións... non só nas aulas universitarias, que adoitan culminar coa súa pesada lectura íntegra por parte da persoa expoñente.

O obxectivo deste módulo é que o alumnado universitario saiba onde están as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado: comunicar mellor.

Como estruturar e deseñar as presentacións, como redactar para este novo medio e como falar co apoio das presentacións pero sen lelas, serán os contidos fundamentais deste módulo.

Falar en público

A exposición oral dun traballo académico, un exame oral, a defensa de TFG, PFC, TFM ou teses... en xeral, a exposición dun relatorio ou a presentación dun proxecto adoita ser o que máis preocupación e nervios lle provoca ao alumnado, que non sente seguridade e comodidade á hora de se expresar verbalmente. Trátase de tarefas que esixen non só un nivel axeitado de coñecementos significativos, senón de que teña desenvolvidas as habilidades relacionadas coa comunicación oral.

A importancia da preparación previa da intervención, aprender a controlar a linguaxe non verbal, como modular a voz e como desenvolver argumentos e responder con eficacia serán os contidos máis sobranceiros deste módulo.



Martes, 19 de setembro de 2017