Novas recentes

Aínda podes participar nos Premios á calidade lingüística dos TFG/PFC e TFM

En xullo rematou o prazo para presentar traballos académicos de curso aos Premios á calidade lingüística. Mais dispós aínda ata o 29 de setembro para presentar o teu TFG/PFC ou TFM e optar aos premios de 300 e 500 euros.

Na modalidade de traballos de curso académico foron dezaseis os traballos académicos presentados para competir polos cinco premios de 150 euros, un por cada área de coñecemento, que se outorgan. O xurado anda a avalialos e valoralos para publicar o seu veredicto a finais de setembro.

As persoas autoras de TFG, PFC e TFM aínda dispoñen de tempo para presentalos, ata o 29 de setembro. Lembramos que se redactas e defendes un destes traballos en lingua galega e obtés o aprobado, só tes que presentalo nos rexistros da USC antes desa data e seguindo as instrucións das bases.

Poderás así optar a un dos cinco premios de 300 euros na modalidade TFG/PFC, e de 500 euros na modalidade TFM. Outórgase un premio por cada área de coñecemento (artes e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas, enxeñarías) e serán dados a coñecer polo xurado na última semana de outubro.

En total, xunto cos traballos académicos repártese un monto de 4750 euros en premios, que serán entregados nun acto institucional no que tamén se presentará a nova convocatoria dos XIV Premios á calidade lingüística correspondente ao curso 2017-2018.

Os Premios á calidade lingüística pretenden fomentar o uso do galego entre o alumnado ligado á  cultura de calidade. A presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal –o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc.-, é unha habilidade comunicativa que calquera universitario/a debería posuír. Para mellorar as competencias nestas habilidades a USC organiza os cursos de habilidades comunicativas, de enorme utilidade á hora de afrontar a redacción destes traballos académicos e a súa defensa, tanto oral como con axuda de presentacións dixitais.

Martes, 19 de setembro de 2017