Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
Música, curtas, literatura en galego e propostas normalizadoras: aínda podes participar
O I Certame de Música Galega na USC, Somos a Curta!, o premio literario Mazarelos ou os premios Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras son actividades que fomentan o uso do galego na creatividade das nosas alumnas e alumnos, e que aínda teñen o prazo de presentación aberto! Vanche por orde de peche de prazo.
I Certame de Música Galega na USC
Ata o 22 de setembro deste ano que andamos poden solistas e grupos participar no I Certame de Música en Galego da USC, sempre que cando menos un dos seus membros fora alumno ou alumna da USC no curso 2016-2017. Deberán presentar no Decanato de Filoloxía unha canción en galego de calquera estilo musical e temática, orixinal e non premiada ou presentada a outros concursos, gravada en formato dixital e con transcrición da letra.
E que se gaña con participar neste certame? En primeiro lugar, a posibilidade de optar a algún dos tres premios, dotados con 1000, 700 e 300 euros e diploma. En segundo lugar, a posibilidade de tocar o seu tema en directo no festival que se desenvolverá o 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela xunto cos outros finalistas e grupos e solistas xa veteranos convidados, que actuarán como cabezas de cartel. E, por último, a oportunidade de aprender nunha serie de work-shops a principios de novembro xunto cos grupos cabezas de cartel no festival, que asumirán a función de mentores, transmitindo a súa experiencia como músicos, letristas e compositores e orientando os integrantes das formacións nos inicios da súa carreira musical.
O I Certame de Música en Galego está organizado pola Facultade de Filoloxía en colaboración con Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Enfermería, Xeografía e Historia e Ciencias Económicas e Empresariais, apoiado polo Servizo de Normalización Lingüística e o apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, co obxectivo de promover a creatividade musical e dinamizar a diversificación de usos sociais da lingua galega entre a mocidade universitaria.
Se sodes tamén vós “un grupo vigués”; se es máis de “A modiño” que de “Despacito”; se coa guitarra es tamén quen de levantar “Tempestades de sal”; se sodes capaces de lle dar unha oportunidade ao galego no perreo ou de, cunhas boas bases e moita retranca, rapear “o galego non mola”... este é o voso concurso.
Se che gusta escribir con ansias literarias: III Concurso literario Mazarelos
O concurso está aberto ao alumnado da USC, que pode participar cunha obra de calquera xénero literario e calquera tema, orixinal e escrito en lingua galega. Establécense tres premios de 500, 250 e 150 euros mais diploma. O prazo para a presentación de orixinais rematará o 30 de setembro de 2017.
Quen sabe? Igual o teu nome chega a estar canda o de grandes figuras literarias que estudaron nas aulas da nosa Universidade: Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Chus Pato, Suso de Toro, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Antón Riveiro Coello... Este certame, que organiza por terceira vez a CNL da Facultade de Filoloxía, recupera a tradición do centro para descubrir e proxectar novas voces.
O Concurso Literario "Mazarelos" conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Se tes unha historia divertida e unha cámara: VI «Somos a curta!»
Se che apetece facer unha incursión no mundo das curtas e da comedia, e es estudante dalgunha das universidades galegas, do ciclo de Imaxe e Son, ou de bacharelato artístico neste ano 2017, podes participar no VI «Somos a curta!». Podes facelo ata o 12 de outubro enviando tres dvd coa peza e os datos correspondentes á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
O mércores 25 de outubro as curtas presentadas exhibiranse nunha gala especial na propia Facultade, na que o xurado outorgará dous premios de 500 e 250 euros, e o público elixirá que fita leva o seu premio, galardoado con diploma honorífico.
A CNL de Ciencias da Comunicación organiza este certame cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e, finalmente, e non menos importante, gozarmos dunha xornada de humor na nosa lingua.
XIV Premios “Luísa Villalta” a iniciativas normalizadoras
Tes ata o 27 de outubro de 2017 para participar nos XIV Premios "Luísa Villalta" a iniciativas normalizadoras, presentando unha campaña normalizadora ou unha idea para a promoción do galego. Debes ser membro (estudantes, docentes, PAS) de calquera das tres universidades galegas, ben a título individual, ben en equipo (como comisións de normalización, organización estudantil, etc.).
Se optas por argallar unha campaña para fomenta do uso do galego no ámbito universitario, debes presentala de xeito que conte cunha diagnose previa e os elementos habituais dunha acción planificada: obxectivos, destinatarios/as, metodoloxía, actividades, temporalización, recursos e avaliación. A campaña pode ser para un centro en concreto ou ben para o conxunto das tres universidades galegas.
Se tes unha boa idea para o galego na Universidade, mais non te ves planificando o seu desenvolvemento, só tes que entregar un informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social.
As dúas opcións, campañas e ideas, contan con cadanseus premios de 1200 e 800 euros. Trátase dun concurso organizado polos servizos de normalización das tres universidades galegas en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Martes, 19 de setembro de 2017