Novas recentes

250 títulos en galego na colección "UD. Unidades didácticas" da USC

A colección "UD. Unidades didácticas" da USC, que publica materiais docentes de calidade na nosa lingua para apoiar o traballo do profesorado e do alumnado de todas as materias e titulacións da universidade, chegou en marzo de 2017 aos 250 títulos. Trátase do resultado final dunha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística da universidade compostelá.

As primeiras 158 unidades didácticas están dispoñibles libremente no sitio web do SNL, desde onde as alumnas/os e todas as persoas interesadas poden descargalas como .pdf e, de o desexaren, imprimilas. Os seguintes títulos difúndense a través da librería dixital do Servizo de Publicacións da USC durante os dous primeiros anos logo da súa publicación ao prezo único de 2 euros, e despois pódense descargar en acceso aberto e de balde dende o propio Servizo de Publicacións da USC. A día de hoxe pódese acceder libremente a 211 unidades didácticas.

As unidades didácticas publicadas dende 2013 xa só se presentan en formato dixital, o cal  facilita a súa lectura e consulta en computadores e tamén en dispositivos móbiles, incluíndo marcadores (bookmarks) para a navegación dixital. A edición unicamente dixital non ten ningunha pexa fronte ao papel para os seus autores e autoras, xa que está recoñecida igualmente na valoración das publicacións nos diversos concursos de profesorado.

A gran maioría das unidades didácticas publicadas nesta coleccións son o froito de cadanseu obradoiro de elaboración de unidades didácticas, o último dos cales se celebrou en xuño de 2015 na Facultade de CC. Económicas e Empresariais. Mais os títulos que se foron publicando ao longo do último ano responden ao desexo de que a docencia dunha materia se cubra ao final con toda unha serie de unidades didácticas dentro do proxecto docente que os asistentes aos obradoiros de UD deben presentar.

Como é sabido, o Obradoiro do que parte a realización e publicación das unidades didácticas é eminentemente práctico; nel apréndese cuestións de didáctica, lingua e comunicación, edición e propiedade intelectual. Logo, cada docente elabora unha unidade dunha materia que imparta con seguimento titorizado por parte dos especialistas do equipo que imparte o Obradoiro (os profesores de Didáctica e de Dereito Carmen Sarceda e Ángel García Vidal, e mais os técnicos de Normalización e Publicacións Manuel Bermúdez, Juan Blanco Valdés). Finalmente, a unidade publícase dentro desta colección do Servizo de Publicacións da USC, co seu ISBN e baixo licenza Creative Commons.

Obradoiro, colección e lingua

En 2008 apareceron as dezasete primeiras unidades didácticas desta colección da USC, como resultado do Obradoiro de elaboración de unidades didácticas en galego que organizara, como curso piloto, o Servizo de Normalización Lingüística, co impulso da Comisión de Normalización Lingüística de Psicoloxía.

Dende daquela, nove anos e trece obradoiros máis tarde, a iniciativa semella consolidada:

  • Polo éxito dos cursos, sempre cunha demanda moi superior ao número de prazas, forzosamente limitado, dado o volume de produción que xera. Non alleo a este interese é contar cunha publicación co ISBN da Universidade e o recoñecemento do esforzo que supón elaboralos.
  • Pola alta valoración que reciben os obradoiros nas enquisas de satisfacción do PDI do Programa de Formación e Innovación Docente.
    Polo número de unidades didácticas publicadas: chegamos xa a 250.
  • Por conseguir reenganchar profesorado que seguiu o curso e que, logo de publicar a primeira unidade, continúa a publicar as seguintes, dentro do proxecto didáctico que encetou e asumiu co Obradoiro.
  • Pola satisfacción do profesorado e do alumnado que traballa con elas.
  • Por demostrar que calquera profesor ou profesora, fale a lingua que fale, é quen de elaborar un material didáctico en galego, con alta calidade, contribuíndo a que a nosa lingua campe un pouco máis na docencia universitaria.



Venres, 28 de abril de 2017