Novas recentes

Volve, con folgos renovados, “Un idioma preciso”

Títulos como "O galego, un idioma sen "estrés", "Na defensa do medio ambiente ou do ambiente enteiro?", "Escollendo entre marisco: cigalas ou lagostinos?", "Electróns con problemas de parella", "Cando os webs se sindican... poden ir á folga?" forman parte de “Un idioma preciso”, unha sección mantida pola Área de Terminoloxía do SNL da USC que naceu en outubro de 2002 co obxecto de propoñer termos galegos para denominar conceptos e ideas para as cales o noso idioma aínda non ten unha forma fixada ou estable, de xeito que poida animar a reflexión e o debate terminolóxico.

Cada achega de “Un idioma preciso” consiste nun pequeno estudo onde se analiza o estado da arte da denominación en galego dun ou varios conceptos dunha área de especialidade e se propoñen nomes galegos para eles. Moitas veces o obxecto da reflexión ten que ver coa actualidade do momento: as presidencias da quenda, o Lalín Arena, islamitas/islamistas... e coa introdución de anglicismos (non só en galego): selfies, startup, crowdfunding, sumiller, e-books, hipotecas subprime...

A nosa sección de apuntamentos terminolóxicos “Un idioma preciso” levaba case dous anos fixa na precisión 180, “Plantas que ruben, animais que gatean”, pero por fin volve actualizarse n'O Cartafol e ademais comeza a publicarse tamén no portal da ciencia en galego, GCiencia, buscando chegar a máis persoas as súas reflexións e recomendacións sobre terminoloxía científica.

A colección completa pódese consultar no web do SNL; tamén se pode consultar n'O Cartafol desde a número 130. Por outra banda, as 100 primeiras adoptaron tamén o formato de libro.

A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser precisa, dada a necesidade de exactitude e a non ambigüidade que require a ciencia. Pero figurar nestes ámbitos tamén é "preciso" para o proceso de normalización do galego, para concienciar de que calquera idea ou concepto de calquera  tema pode ser comunicados na nosa lingua.

Venres, 28 de abril de 2017