Novas recentes

Queres axuda para realizares a túa tese en galego?

Dende 1994 a USC ofrece un programa de axudas ao uso do galego en teses de doutoramento, destinado a aquelas persoas que elaboren e defendan estes traballos en lingua galega na USC e así a soliciten.

A nova convocatoria abrangue as tesas defendidas entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017; as persoas doutorandas que lean a súa tese con posterioridade terán que acollerse á seguinte convocatoria, a de 2018.

Trátase dunha subvención directa dun máximo de 400€ para os gastos de fotocopiado e encadernación do traballo. No pasado ano 2016 a USC concedeu as axudas para 24 teses. A subvención complétase con servizos de consulta e asesoría lingüística e terminolóxica, así como de asesoramento para a defensa oral e para a elaboración e uso de presentacións dixitais que se adoitan utilizar na defensa das teses, por parte do Servizo de Normalización Lingüística. Complementariamente o SNL fornece Criterios e información sobre recursos lingüísticos e mais a base terminolóxica multilingüe bUSCatermos.

Este programa de axudas ás teses foise complementando paseniñamente con outras accións de fomento do uso do galego nos traballos acádemicos do alumnado. Así, os estudantes que elaboren en galego os seus traballos de fin de mestrado (TFM), os traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC) ou os traballos académicos poden optar aos Premios á calidade lingüística (concurso), dotados con 500, 300 e 150 euros, respectivamente.

O programa de axudas ás teses en galego axiña se converteu nun referente en moitas outras universidades, tanto galegas coma dos países cataláns. Dende aquela, uns 1300 estudantes e investigadores solicitaron estas axudas na USC, contribuíndo deste xeito a estender o galego na investigación.

Venres, 31 de marzo de 2017