Novas recentes

Os XIII Premios á calidade lingüística, convocados!

A USC convoca unha nova edición dos “Premios á calidade lingüística”, co obxectivo de fomentar o uso do galego nas actividades académicas do alumnado, ligado ao espallamento da cultura da calidade na elaboración e defensa dos seus traballos. Con este certame prémiase os mellores traballos académicos, os mellores proxectos de fin de carreira (PFC) ou traballos de fin de grao (TFG) e os mellores traballos de fin de mestrado (TFM) redactados en galego neste curso académico 2016-2017.

Concédense cinco premios á calidade, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades, o que fai un total de 15 premios:

•    Traballos académicos de curso: un premio de 150 euros por cada unha das grandes áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades), é dicir: cinco premios por un total de 750 euros
•    TFG e PFC: un premio de 300 euros por cada unha das grandes áreas de coñecemento, é dicir: cinco premios por un total de 1500 euros
•    TFM: un premio de 400 euros por cada unha das grandes áreas de coñecemento, é dicir: cinco premios por un total de 2000 euros

En todos os casos, os gañadores e gañadoras reciben ademais un diploma para o seu curriculum.

A presentación axeitada dun traballo ou documento, dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega.

No web do Servizo de Normalización Lingüística, ademais das bases e de información específica, o alumnado poderá atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus traballos académicos, como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con máis de 160 000 entradas, así como modelos de TFG e TFM.

Os XIII Premios á calidade lingüística abranguen todas as titulacións da USC, e daquela, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O prazo para presentarse aos XIII Premios á calidade lingüística remata o 31 de xullo, no caso dos traballos académicos de curso, e o 29 de setembro no caso de TFG, PFC e TFM. Para optar aos premios só cómpre presentar unha copia do traballo, unha vez que estea aprobado, xunto cos datos que se solicitan, nos rexistros da USC.

Martes, 28 de febreiro de 2017