Novas recentes

Entregados os XII Premios á calidade lingüística

O 1 de marzo a Universidade de Santiago de Compostela fixo entrega dos XII Premios á Calidade Lingüística correspondentes ao curso 2016-2017. Foi no decurso dun acto institucional na Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia, onde a vicerreitora de Política Lingüística, Carme Silva, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez,o decano da facultade anfitrioa, Francisco Durán, e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, fixo entrega dos premios aos quince estudantes galardoados, acompañados das súas familias e amizades. A cerimonia foi amenizada polo cuarteto de corda da Orquestra Universitaria da USC.

Traballos de fin de mestrado

Na modalidade de TFM fixéronse co premio de 500 euros, en Enxeñaría, Álvaro Fernández Braña, do mestrado en Enxeñaría Química e Bioprocesos, polo traballo ‘Desenvolvemento dun algoritmo simple para estimar materia particulada en entornos urbanos a partir de datos masivos’. Na de Ciencias Sociais e Xurídicas gañou Víctor Míguez Rego, do posgrao en Formación do Profesorado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensino de linguas, polo traballo ‘O ensino da gramática na educación secundaria: entre o o uso e a reflexión’. Pola súa banda, en Ciencias o premio foi para Julio Corredoira, do mestrado en Investigación Química e Química Industrial, polo traballo ‘Complexos heterometálicos de zinc e lantánidos como potenciais imáns unimoleculares e axentes de contraste para imaxe por resonancia magnética’.

Por último, na área de Ciencias da Saúde resultou gañadora Sara Fernández Martín, do Mestrado interuniversitario en Psicoxerontoloxía, por ‘Programa de intervención en comunicación e linguaxe baseado na memoria autobiográfica e narrativas no envellecemento’ e, na de Arte e Humanidades, Philip Webb, do mestrado en Historia Contemporánea, polo traballo ‘A emigración galega ao Paraguai (1870-1932), un caso atípico no proceso migratorio’.

Traballos de fin de grao e proxectos de fin de carreira

Na área de Enxeñaría dos TFG/PFC recibiu o premio –dotado con 300 euros– o graduado en Enxeñaría de Montes Pablo Negreira polo traballo ‘Avaliación das propiedades físicas da madeira en clons de cerdeira e de nogueira de oito anos de idade procedentes de plantacións sometidas a silvicultura intensiva’; mentres que na de Ciencias Sociais e Xurídicas gañaron ex aequo o graduado en Xeografía a Historia Luis Martín Agrelo por ‘A percepción da paisaxe da Illa de Cortegada’ e a graduada en Mestra de Educación Primaria Beatriz López polo traballo ‘ Proposta de intervención para regular as emocións no TEA a través do ioga no contexto educativo’.

Na área de Ciencias o premio foi para o biólogo Cristovo Taboada por ‘O oso pardo (Ursus arctos) en España: historia natural e conservación’ e na de Ciencias da Saúde para Saleta Corral, de Óptica e Optometría polo proxecto ‘Idoneidade dos líquidos de mantemento para as lentes de contacto’. Xa na de arte e humanidades o xurado decidiu outorgar o premio tamén ex aequo ao historiador Anxo Rodríguez por ‘A xénese dun santuario de época moderna: Santa Liberata de Baiona’ e a Tamara Rial Montes por ‘Ola, señor, dásme o libro?’.

Traballos académicos de curso

Finalmente, os premios á calidade na modalidade de traballos académicos, dotados con 150 euros, recibíronos Tamara Rial Montes, do Grao en Lingua e Literatura Galegas, polo traballo ‘A flexión de xénero nos nomes en –ANU(M). Historial sociolingüístico’ e Uxía Novoa, Álvaro Prieto, Adrián Saavedra e Jesús Somoza, de Mestre/a en Educación Primaria, por ‘A lingua móvenos’.

Luns, 27 de febreiro de 2017