Novas recentes

Explícoche Matemáticas 2.0

Explícoche Matemáticas 2.0 é un concurso dirixido ao alumnado de grao ou mestrado de todas as universidades públicas e a estudantes de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes, coordinados por un profesor/a.

Organizado pola Facultade de Matemáticas coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da USC, o obxectivo do concurso é promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático.

Para concursar en Explícoche Matemáticas 2.0, os participantes deberán presentar un vídeo de, como máximo, dous minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou ben cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade. A condición indispensable é que a lingua empregada debe ser o galego.

Os proxectos poderán presentarse ata o 22 de abril de 2017, para o cal os concursantes deberán subir a unha canle de Youtube o vídeo confeccionado e subministrar unha ligazón válida para o visionado da curtametraxe e un informe sobre o traballo e os datos persoais.

O concurso Explícoche Matemáticas 2.0 consta de dúas categorías con cadanseu premio de 300 euros:

  • Categoría A: 2º Ciclo da ESO e Bacharelato
  • Categoría B: Universidade

Ademais dos premios do xurado, tamén se recoñecerá o vídeo mellor valorado polos internautas. Os premios serán entregados no mes de maio, co gallo do Día das Letras Galegas.

Luns, 27 de febreiro de 2017