Novas recentes

Obradoiros para apoiar a youtubeir@s

A USC organiza tres obradoiros de videocreación, dous en Santiago e un en Lugo, para axudar a aquelas persoas que queiran participar no concurso de Youtubeir@s. Son obradoiros prácticos de 1+3 horas que se desenvolverán en Lugo o 6 e o 27 de marzo, en horario de tarde; e en Santiago, o 22 e 29 de marzo en horario de mañá, e o 17 e 27 de abril en horario de tarde. Son impartidos por unha produtora creativa, Illa Bufarda.

 

Na primeira das sesións formativas, dunha hora de duración, daranse os consellos básicos para sacarlle o maior partido á cámara dos nosos dispositivos móbiles e aprender a mellor forma de transmitir os nosos coñecementos ou opinións para as dúas categorías do concurso: vídeo-facermos ou vídeo-opinarmos. Na segunda sesión formativa, de dúas horas de duración, apréndese a editar o material e a subilo a YouTube. Entre ambos os dous encontros formativos haberá asistencia en liña para calquera dúbida que poida xurdir antes da segunda sesión formativa. Para participares nela, consulta esta páxina, onde proximamente haberá información sobre como inscribirse nos obradoiros da USC.

 

Calquera persoa que teña máis de 14 anos pode participar de balde neste concurso ata o día 28 de abril de 2017, para o cal debe inscribirse a través do formulario que figura na web www.youtubeiras.gal e debe escoller a categoría na que quere inscribir cada vídeo: vídeo-facermos (para transmitir algún coñecemento) ou vídeo-opinarmos (opinar sobre algún tema que lles interese). Todos os vídeos participantes, cunha duración máxima de 5 minutos, teñen que estar publicados na plataforma de vídeo Youtube (sen restricións de privacidade) antes do 28 de abril de 2017 coas etiquetas #youtubeiras #youtubeiros na descrición e con calquera das licenzas Creative Commons. E como non, os vídeos teñen que estar realizados en galego.

 

Youtubeir@s é un concurso de vídeos que fomenta a creación de vídeos en galego en Internet en galego, e máis concretamente que cando busquemos vídeos titoriais para aprender a facer algo ou de polémica, para formármonos unha opinión sobre un asunto, tamén poidamos atopar vídeos na nosa lingua.

 

Trátase dunha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove e das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Domingo, 29 de xaneiro de 2017