Novas recentes

Youtubeir@s

Dásache ben explicar o paradoxo do gato de Schrödinger, solucionar os atasacos da impresora, cortarlle as unllas a un gato sen lesionarte, demostrar ...? Tes un discurso inconstestable (ou contestable, mellor) sobre por que debemos tratar de eliminar o plástico das nosas vidas, por que son boas as bandas de gaitas estilo militar ou sobre a importancia do sector lácteo na economía galega? Grava un vídeo -non esquezas facelo en galego- e participa en Youtubeir@s!

Youtubeir@s nace co obxectivo de conseguir que haxa máis contidos en Internet en galego, e máis concretamente que cando busquemos vídeos titoriais para aprender a facer algo ou de polémica, para formármonos unha opinión sobre un asunto, tamén poidamos atopar vídeos na nosa lingua. Youtube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, con máis de mil millóns de usuarias e usuarios. O noso idioma é utilizado con normalidade nas redes máis persoais, como Facebook, Twitter, Instagram, etc. así como en blogues. Porén, xa rarean máis en vídeos como os de Youtube, se cadra polo pudor que adoita causar gravarse neste formato e publicarse -menor nas novas xeracións-, ou se cadra porque coidamos que é máis complicado dende o punto de vista técnico.

Para lograr este obxectivo xorde Youtubeir@s, un concurso de vídeos que fomenta a creación de vídeos en galego, tanto de opinión como vídeo-titoriais, para a súa difusión a través de Youtube. Para pasarmos de youtubers, a youtubeiras e youtubeiros que fagan youtubeiradas!

Calquera persoa que teña máis de 14 anos pode participar de balde neste concurso ata o día 28 de abril de 2017, para o cal debe inscribirse a través do formulario que figura na web www.youtubeiras.gal e debe escoller a categoría na que quere inscribir cada vídeo: vídeo-facermos (para transmitir algún coñecemento) ou vídeo-opinarmos (opinar sobre algún tema que lles interese). Todos os vídeos participantes, cunha duración máxima de 5 minutos, teñen que estar publicados na plataforma de vídeo Youtube (sen restricións de privacidade) antes do 28 de abril de 2017 coas etiquetas #youtubeiras #youtubeiros na descrición e con calquera das licenzas Creative Commons. E como non, os vídeos teñen que estar realizados en galego.

Obradoiros de youtubeir@s

Que es un fenómeno explicando como cambiarlle as rodas ao coche ou defendendo a necesidade de manter a diversidade lingüística, pero non te amañas ben para facer un vídeo? Youtubeir@s tamén ofrece formación específica de videocreación para aprender a comunicar coa linguaxe audiovisual. Pouco a pouco iranse organizando obradoiros en diversos lugares de Galicia, que poderás coñecer a través da páxina ou dos perfís nas redes de Youtubeir@s.

Trátase dunha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove e das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
 

Mércores, 30 de novembro de 2016