Novas recentes

Convocadas as axudas ás teses de doutoramento en galego 2016-2017

As axudas ás teses de doutoramento en galego, unha subvención directa dun máximo de 400€ para os gastos de fotocopiado e encadernación do traballo, outórganselles a aquelas persoas que elaboren e defendan estes traballos en lingua galega e así a soliciten a través do Rexistro Xeral da USC.

A subvención complétase con servizos de asesoría lingüística e terminolóxica para a redacción do traballo, así como de asesoramento para a defensa oral e para a elaboración e uso de presentacións dixitais que se adoitan utilizar na defensa das teses, que ofrece o Servizo de Normalización Lingüística. Así mesmo, á hora de redactar a tese resulta imprescindible a consulta de bUScatermos, o banco de datos terminolóxico multilingüe do SNL.

A actual convocatoria abrangue as tesas que se defendan entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017; as persoas doutorandas que lean a súa tese con posterioridade a esta última data terán que acollerse á seguinte convocatoria. Na anterior, correspondente ao período comprendido entre o 1 novembro de 2015 e o 31 de outubro de 2016, a USC concedeu as axudas para vinte e catro teses en galego.

A USC ofrece este programa de axudas ao uso do galego en teses de doutoramento dende 1994. Ata agora foron 227 os estudantes e investigadores que se beneficiaron destas axudas da USC, contribuíndo deste xeito a estender o galego na investigación. Este incentivo axiña se converteu nun referente en moitas outras universidades, tanto galegas coma dos países cataláns.

Este programa de axudas ás teses foise, ademais, complementando paseniñamente con outras accións de fomento do uso do galego en fases académicas anteriores. Así, os estudantes que elaboren en galego os seus traballos de fin de mestrado (TFM), os traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC) ou os traballos académicos poden optar aos Premios á calidade lingüística (concurso), dotados con 500, 300 e 150 euros, respectivamente.

Martes, 29 de novembro de 2016