Novas recentes

Departamentos, profesorado e linguas


Os usos lingüísticos docentes, que inclúen todo tipo de titulacións (grao, 1º e 2º ciclos e másters, co que os datos se refiren a máis de 457 mil horas de clase) tamén varían en función do departamento de que se trate e das categorías de profesorado.

 

No curso anterior reduciuse o número de departamentos de 76 a 51 (para efectos de POD). Se ordenamos os departamentos segundo o uso do galego, comprobaremos que no actual curso son catro os departamentos que non imparten ningunha hora docente en galego, tres deles da área de Ciencias da Saúde. Once departamentos imparten menos do 10% da súa docencia en galego, a maioría da área de Ciencias da Saúde e Ciencias. Os oito departamentos que utilizan o galego en máis da metade da encarga docente son, fundamentalmente, de ciencias sociais e humanidades.


Ademais de, loxicamente, os departamentos de Filoloxía Inglesa e Alemá e de Didácticas Aplicadas, hai outros oito departamentos que imparten algunha docencia en inglés, relacionados coa Química ou a Enxeñaría Química, a Veterinaria e a Bioloxía. Os departamentos de  Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía e mais de Química Orgánica imparten máis porcentaxe de docencia en inglés ca en galego.

 

Como xa dixemos ao debullar os datos sobre titulacións, o uso dos restantes idiomas (alemán, catalán, francés, italiano, portugués) limítase aos departamentos encargados da investigación e ensino de cadansúas linguas.

 

Linguas e PDI

 

O profesorado titular, que supón case o 43,9% do PDI no ano 2015, é a categoría que en conxunto asume a maior encarga docente (36,8%), da cal imparte en galego o 26,27% das horas. A seguinte categoría é a de catedráticos/as, case o 16,15% do PDI, que usa o galego no 20,54% das súas horas de aulas.

 

Seguen os profesores/as contratados/as doutores/as, que supoñen o 11,94% dos efectivos do PDI e imparten o 9,9% da docencia, cun uso do galego do 33,87%. O profesorado interino, o 5,92% do PDI, opta polo galego no case no 38,21% das horas docentes se se trata de interinaxes por vacante, e nun 45,88%, nas interinaxes por substitución. Finalmente, o profesorado asociado LOU (pouco máis do 5% do PDI) utiliza o galego no 36,02% da súa docencia,  e o profesorado asociado de Ciencias da Saúde (10,4% do PDI), só un 2,48%, co agravante de que imparten unha considerable carga docente. Lembremos que, maioritariamente, este profesorado imparte docencia clínica, no CHUS, a grupos moi reducidos de estudantes.

 

As restantes categorías do PDI (profesorado de escola universitaria, axudantes doutores, colaboradores, lectores), suman menos do 6% e as súas ratios de galego na docencia van dende o 0% dos colaboradores doutores ata o 54,41% dos investigadores Marie Curie, que, ademais, son os máis anglófilos (usan este idioma no 25% da súa docencia), só por detrás do profesorado lector.

Martes, 31 de xaneiro de 2017