Novas recentes

Outorgados os XII Premios á calidade lingüística dos TFG, PFC e TFM

O derradeiro día de outubro fíxose público o veredicto do xurado dos XII Premios á calidade lingüística nas modalidades de TFG/PFC e TFM, pois os da modalidade de traballos académicos xa se resolveran en setembro. Estes Premios outorgan un único galardón por modalidade por cada unha das cinco áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades).

O xurado salienta o alto nivel de calidade dos traballos participantes, que dificultou grandemente a súa escolma. De feito, en varios casos o premio concedeuse ex-aequo, tal e como pode comprobarse na acta do concurso.

Os 79 traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC) presentados optaban a un dos cinco premios de 300 euros e diploma segundo a clasificación da titulación; concretamente presentábanse 10 traballos en Arte e Humanidades, 16 en Ciencias, 10 en Ciencias da Saúde, 30 en Ciencias Sociais e Xurídicas, 13 en Enxeñaría e Arquitectura. Nesta primeira modalidade resultaron gañadores Pablo Negreira Dacunha (Grao en Enxeñaría de Montes) na área de Enxeñaría; Luis Martín Agrelo Janza (Grao en Xeografía e Historia) e Beatriz López Dorado (Grao en Mestre/a de Educación Primaria) –ex aequo- na área de Ciencias Sociais e Xurídicas; Cristovo Taboada Rodríguez (Grao en Bioloxía), na de Ciencias; Saleta Corral Campos (Grao en Óptica e Optometría), na de Ciencias da Saúde, e Anxo Rodríguez Lemos (Grao en Historia) e Tamara Rial Montes (Grao en Lingua e Literatura Galegas), tamén ex aequo na de Arte e Humanidades.

Pola súa banda, eran 25 os traballos de fin de mestrado (TFM), que optaban a recibir ata 500 euros e diploma con que se premiaban os gañadores de cada área. Presentáronse 3 en Arte e Humanidades, 2 en Ciencias, 3 en Ciencias da Saúde, 14 en Ciencias Sociais e Xurídicas, e 3 en Enxeñaría e Arquitectura. E os gañadores son Álvaro Fernández Braña (Mestrado en Enxeñaría Química e Bioprocesos), Vítor Míguez Rego (Mestrado en Formación do profesorado), Julio Corredoira Vázquez (Mestrado en Investigación Química e Química Industrial), Sara Fernández Martín (Mestrado en Psicoxerontoloxía) e Philip Webb (Mestrado en Historia Contemporánea)

En total, xunto cos traballos académicos repartense un monto de 4750 euros en premios, que serán entregados nun acto institucional no mes de marzo, coincidindo coa presentación da nova convocatoria dos XIII Premios á calidade lingüística.

Este certame busca fomentar a cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego. A presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal –o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc.-, é unha habilidade comunicativa que calquera universitario/a debería posuír. Para mellorar as competencias nestas habilidades a USC organiza o Obradoiro de elaboración de TFG e TFM, de enorme utilidade á hora de afrontar a redacción destes traballos académicos e a súa defensa.
 

Luns, 31 de outubro de 2016